Por que me gusta Carmena?

Pois por moitísimas cousas, pero especialmente polas súas actuacións.

Todos os políticos manifestan que hai que porse de acordo, que as maiorías absolutas non son boas, que a sociedade é prural e polo tanto o Parlamento tamén debe selo, que o importante é resolver os problemas da cidadanía… Pero cando toca aplicalo aparecen as liñas vermellas.

Na práctica actúan -os políticos e Carmena- de forma diferente.

Os políticos utilizan a venta das vivendas sociais aos fondos buitre para atacar ao partido responsable da operación, pero quédanse aí. Carmena non, ela ataca menos pero emprende as accións legais necesarias para recuperar as vivendas. E non lle importa aparecer nas fotos con Cifuentes.

Tampouco lle importa dicir que para ela a liberdade de expresión ten un límite, que é o sufrimento que poida causar. E, admitindo que pode haber persoas que non pensen o mesmo, cre que unha persoa que pense que a liberdade de expresión é prioritaria non pode liderar a política cultural do Concello -que é para todxs. E actua en consecuencia.

Non di que hai que acabar cos desafiuzamentos -queda ben dicilo pero en realidade non é posible e ela sábeo porque foi xuíza- senón que hai que ter prevista unha alternativa habitacional cando unha situación así se produza.

Non está a dicir, cada vez que aparece un problema, que hai que facer unha lei ou cambiar outra. Utiliza as leis que xa existen para solucionar o problema.

Non decide suprimir a cabalgata de reis -que a min pareceríame ben, pero entendo que non a todo o mundo- senón facer unha “alternativa” nuns termos intermedios.

Vaia… que aplica a estratexia de que nun acordo tódalas partes teñen que saír moderadamente descontentas, porque se algunha sae moi contenta quere dicir que outras sairán moi descontentas e iso non é bo para que o acordo sexa duradeiro.

Que o que me gusta de Carmena é que se dedica a resolver o que está na súa man en vez de andar dicindo que se non hai medios, que se a lexislación non facilita, que se a oposición…

Eu invito a todxs a que fagamos o mesmo: cadaquen o que poida no seu campo.

 

Advertisements