Confianza

Acabo de ler o artigo de Antón Losada -grande sempre- “De pijada en pijada“. O contido do artigo xa o podedes ler no enlace. Vai da desconfianza na vida política. Eu, que me gusta andar polo terreo da cotidianidade fixeime na idea da confianza en xeral.

O que ocorre na política é o mesmo que na sociedade. Os políticos son persoas que viven nunha sociedade e o seu comportamento non é diferente de o de calquera outra persoa que viva na mesma sociedade. Ás veces comparamos aos políticos españois cos suecos ou cos daneses, pero é que as sociedades dos países do norte ou do centro de Europa tampouco son como a nosa.

Non sempre foi así, ou polo menos non tanto. Meu pai foi un pequeno empresario e os compromisos que tiña cos provedores e cos clientes eran verbais, non asinaban contratos. As persoas tiñan creto -ou non- e en función diso actuabas. Hoxe calquera chisme publicado dunha persoa intachable convértea en indesexable porque xa non confiamos en ninguén, da igual a súa traxectoria até o de agora.

Aquí e agora ser unha persoa confiada é sinónimo de “pardilla”. Desconfiamos de todo e supoñemos que todxs desconfían de nos. A min as persoas desconfiadas dánme pouca confianza. Por exemplo Iglesias -ao que lle valoro moitas cousas que fixo e indirectamente votei ao seu partido- non se fía das palabras de Sánchez, nin sequera dun documento escrito que puidesen asinar, por iso ten que ser vicepresidente e ter a metade dos ministerios para poder vixiar as actuacións dun posible goberno socialista. ??? Estas actitudes fomentan a desconfianza e diso xa andamos sobradxs.

Escoitei moitas veces a frase o “respecto hai que gañalo” referida en moitos casos á conducta das mulleres. E, polo que eu percibo, é unha idea moi aceptada socialmente.

E digo eu… non sería mellor que fose ao revés? Que de entrada tense e logo xa se pode ir perdendo, ou non.

Coa confianza debería ser o mesmo, en principio tense e logo xa se verá se se mantén ou non. Pode que así as cousas fosen máis fáciles.

O Belén de Salzillo

Este ano houbo moitos beléns a conta das escenificacións do Nadal.

Na miña cidade houbo dous; o primeiro cando o Concello decidiu “prestarlle” as figuras do nacemento de Xesús a unha igrexa. Que se montou máis lío na prensa que na cidadanía; unha señora moi relixiosa comentou que estaba ben porque esa igrexa non tiña moito movemento e así iría máis xente. E o segundo coa cabalgata de reis -como non- eso que neste caso creo que os reis e os paxes ían vestidos adecuadamente. Aquí o problema era que a música que soaba era en vivo e non eran panxoliñas.

O de Madrid xa sabemos como foi.

Aproveitando que hoxe estiven en Murcia e tiña tempo, decidín ir ao Museo de Salzillo. Non estou moi ao tanto da imaxinería relixiosa, nin me interesa demasiado, pero coincidiu que estaba alí pouco despois da movida das cabalgatas e tiven curiosidade por ver coma representou este home -relixioso persoalmente e un xenio da imaxinería- as figuras do nacemento. Isto foi o que me atopei -as fotos non son miñas, alí non se pode fotografar.

Belén

A primeira imaxe é de dou dos paxes dos reis meigos, a segunda dunha vivenda unifamiliar e a terceira do castelo de Herodes.

É que non había alí ningunha descendente de Álvarez que lle dixera a ese home que eses vestidos e esas casas non son de verdade?

Benidorm

Dende que estou xubilada fago un par de viaxes ao ano co IMSERSO, nos meses máis crudos do inverno.

As viaxes que organiza o IMSERSO son, normalmente a zonas de moito turismo de verán, pero de inverno non tanto; urbanizacións nas costas mediterránea ou nas illas.

Eu son máis de turismo urbano e até o de agora case sempre elixía lugares próximos ou ben comunicados con cidades grandes que me gustan: Barcelona, Mallorca, Málaga… Utilizo a viaxe e o aloxamento, que son baratos, e logo móvome ao meu aire polas cidades.

Este ano decidín coñecer o fenómeno Benidorm. Murcia e Alacant tamén terán cousas bonitas que ver, pensei. E para aquí que me vín!

Xa no autobús, do aeropuerto ao hotel, empecei descubrir o éxito deste destino; a xente ía falando de lugares para comer, de espectáculo, pobos cercanos… polos seus nomes, coma se fala na túa propia cidade. Estaba moi claro que xa estiveran todxs -eran tres parellas- con anterioridade.

A cidade non ten moito interese. Arquitectonicamente é un batiburrillo e mesmo na zona máis antiga -supoño- onde non hai rañaceos, hai unha mestura de “arquitectura de autor” -un tanto peculiar- con edificios anodinos de estilo “funcional” propios do boom da construcción. O porto é pequeno e o club náutico non parece ter moita actividade, vaia que non me dou a impresión que os deportes náuticos sexan un aliciente.

cats1

Pero finalmente si que atopei o segredo do éxito: “A movida”. Dende as nove da mañán as rúas xa están cheas de xente e a partir das 11 o paseo marítimo está petado, a praia con xente tomando o sol, bañándose ou a facer ximnasia -varios grupos dunhas 50 persoas en cada grupo- Un bule-bule que non vexo en Sanxenxo no verán. A partir desa hora as rúas da zona de bares e cafeterías teñen moito trasiego e as terrazas están cheas. Non se ven locais pechados… -noutros lugares que estiven,  os arredores do hotel víanse moi desangelados; bares, tendas, restaurantes… que pechan os meses máis frouxos…

Resumindo, isto é en xaneiro o equivalente ao que se chama veraneo, veraneo familiar. Iso si, sobre o 80% somos xente maior.

Total… que por fin xa o entendo, pode que eu non volva -non son de turismo de veraneo- pero enténdoo.

Maternidade

La que has liao Pablitoooo!!!

Non dou creto… Unha muller, Bescansa, decide levar ao seu fillo ao traballo -no seu primeiro día, dáme que non o vai facer a cotío- e ese feito convértese en portada de informativos.

Polos 70 había algunhas mulleres, mestras, que levavan aos seus bebés ás escolas unitarias. Até lle facían un cuartiño aparte e, nai e alumnado atendían á criatura. En xeral non estaba ben visto porque entendíase que esa muller non podía desenvolver ben o seu traballo, pero aceptábase porque non había garderías suficientes e o salario desa señora tampouco daba para moito.

A min gustaríame dicir algo ao respecto.

  1. A maioría dos entornos laborais non son os apropiados para acoller a unha criatura.
  2. A maioría dos traballos non lle permiten xs traballadorxs atender simultaneamente o traballo e as crianzas.
  3. A maternidade ou a paternidade son opcións persoais, non é obrigatorio.

Partindo disto penso que efectivamente cada persoa pode enfocar a maternidade ou a paternidade como queira. Toda a vida houbo mulleres que non criaron directamente a súa descendencia, tiñan persoal de servizo -mesmo amas de leite- porque elas non tiñan especial interese en facelo e a súa posición económica llo permitía. E non desenvolvían traballo remunerado fóra da casa. Isto era frecuente na alta sociedade do século XIX.

Hoxe hai unha regulamentación que contempla permisos de maternidade e de paternidade, de lactancia… Seguramente a nosa non sexa a mellor das existentes, pero a que hai é a que teñen tódalas persoas traballadoras do común, non sei se a das persoas que traballan no Parlamento debe ser diferente.

Persoalmente penso que realizar un traballo e atender unha criatura son cousas incompatibles, como norma.

Outras imaxes de persoas que levan ás súas criaturas ao traballo que se están vendo tamén son mulleres e tamén son parlamentarias.

Non me gusta por dúas razóns.

  1. Porque fomenta o de que as mulleres podemos facer dúas cousas ben á mesma vez -co que non estou de acordo, facer varias cousas á vez implica necesariamente dispersar a atención.
  2. Tamén afianza a idea de que o traballo parlamentario é o suficientemente relaxado coma para poder facer outra cousa ao mesmo tempo.

 

Por que me gusta Carmena?

Pois por moitísimas cousas, pero especialmente polas súas actuacións.

Todos os políticos manifestan que hai que porse de acordo, que as maiorías absolutas non son boas, que a sociedade é prural e polo tanto o Parlamento tamén debe selo, que o importante é resolver os problemas da cidadanía… Pero cando toca aplicalo aparecen as liñas vermellas.

Na práctica actúan -os políticos e Carmena- de forma diferente.

Os políticos utilizan a venta das vivendas sociais aos fondos buitre para atacar ao partido responsable da operación, pero quédanse aí. Carmena non, ela ataca menos pero emprende as accións legais necesarias para recuperar as vivendas. E non lle importa aparecer nas fotos con Cifuentes.

Tampouco lle importa dicir que para ela a liberdade de expresión ten un límite, que é o sufrimento que poida causar. E, admitindo que pode haber persoas que non pensen o mesmo, cre que unha persoa que pense que a liberdade de expresión é prioritaria non pode liderar a política cultural do Concello -que é para todxs. E actua en consecuencia.

Non di que hai que acabar cos desafiuzamentos -queda ben dicilo pero en realidade non é posible e ela sábeo porque foi xuíza- senón que hai que ter prevista unha alternativa habitacional cando unha situación así se produza.

Non está a dicir, cada vez que aparece un problema, que hai que facer unha lei ou cambiar outra. Utiliza as leis que xa existen para solucionar o problema.

Non decide suprimir a cabalgata de reis -que a min pareceríame ben, pero entendo que non a todo o mundo- senón facer unha “alternativa” nuns termos intermedios.

Vaia… que aplica a estratexia de que nun acordo tódalas partes teñen que saír moderadamente descontentas, porque se algunha sae moi contenta quere dicir que outras sairán moi descontentas e iso non é bo para que o acordo sexa duradeiro.

Que o que me gusta de Carmena é que se dedica a resolver o que está na súa man en vez de andar dicindo que se non hai medios, que se a lexislación non facilita, que se a oposición…

Eu invito a todxs a que fagamos o mesmo: cadaquen o que poida no seu campo.

 

Srs. guionistas de informativos:

Segundo un informativo de hoxe ao mediodía, Podemos vai tentar de formar catro grupos parlamentarios para así ter máis voces e máis dotación orzamentaria.

Noon, nooon, noooon. Vóuvolo explicar. Vou ter que ir ao Libro Gordo de Petete ou pedir axuda a Epi e Blas -que queredes, cada unha ten os referentes que ten.

O que vós chamades Podemos, en realidade son catro formacións electorais: Podemos, de ámbito estatal; En comú podem, que se presentou nas circunscripcións electorais de Cataluña; Compromís-Podemos-És el moment, que se presentou nas circunscripcións electorais da Comunitat Valenciana e En Marea, que se presentou nas circunscripcións electorais de Galiza.

As tres coalicións electorais que identificades con Podemos están formadas por varios partidos -nos que tamén está Podemos- e plataformas cidadás. E para que poidades valorar o peso de Podemos vouvos dar uns datos: o número de diputadxs de Podemos en cada unha destas formacións.

En comú podem ten 12, dxs que son de Podemos 2.

Compromís-Podemos-És el moment ten 9, dxs que son de Podemos 3.

En Marea ten 6, dxs que son de Podemos 2.

É dicir, que dun total de 27, ten 7.

Unha das condicións que lle puxeron a Podemos as tres coalicións foi a de formar grupo parlamentario propio se os resultados e o regulamento do congreso o permitían. Porque, que o saibades, a intención de Podemos era que todos fosen “baixo o seu paraugas”. E, que saibades tamén que se se forma o grupo, este será o que reciba e administre a dotación presupostaria. Polo tanto, que se formen 4 grupos parlamentarios non é cousa de Podemos senón das outra forzas. Se iso lle beneficia a Podemos ou non é algo que vós deducides -e que eu non teño tan claro- pero en calquera caso sería de rebote, non pola súa intención -é máis doado dirixir un grupo que catro.

Electoralmente é certo que estas formacións beneficiáronse do “efecto Podemos” pero tamén que recibiron, grazas ás outras forzas, moitos votos nacionalistas -por iso o do grupo propio- que Podemos non recibiría indo só. Que se beneficiaron mutuamente, vaia. Pablo Iglesias sabíao, por iso aceptou as condicións que lle puxeron.

E queixámonos de que a xente non se entera? De que hai pouca cultura política? Con estas (des)informacións non me sorprende.

 

Guetos

É curioso, hoxe mesmo publiquei un artigo “Xergas” e pouco despois atopei isto  “Internet crea guetos políticos entre quienes ya están bien informados”. Unha estrevista de Joan Pedro a Natalie Fenton, activista e profesora de Comunicación nunha Universidade londinense.

Pode que eu non me explicase moi ben, non son comunicadora, nin sequera “de letras”. Por iso vos deixo este enlace que o conta mellor.