Sr. Iglesias:

Para autodefinirse como “lo nuevo” consigue vostede insultar a miña intelixencia igual de ben que os de “lo viejo”. Voulle comentar por que.

Para empezar candidaturas de confluencia quere dicir iso: confluencia, concorrer xente que vén de lugares diferentes nun obxectivo común. Os resultados de En Marea -por poñer o exemplo da candidatura que votei eu- non son propiedade de Podemos. Ten vostede certa tendencia a apropiarse de todo o que lle favoreza. Moitxs votamos En Marea a pesar de vostede porque efectivamente os resultados non son os mesmos indo xuntos que por separado, coma ben se veu. Vostede aprovéitase do idiotizados que estamos para que pareza que o seu partido ten máis votos, e conségueo. Ata nunha “tertulia política” comentaron a “estratexia maquiavélica” do Ministerio do Interior ao presentar por separado os resultados das “candidaturas de confluencia”, e moita xente xa lles chama as candidaturas de Podemos.

Que pasou coa palabra confluencia? Hai algo menos confluínte que que un se apropie do de todxs?

O Ministerio do Interior dou o resultado por separado porque son candidaturas distintas. Pero aquí tamén os medios nos consideraron ignorantes e, para que non nos liáramos, déronos xuntos -non fose o conto que non souberamos que esas candidaturas poden sumar -e o normal é que os sumen- os seus votos aos de Podemos. De feito eu tiven que recorrer á páxina do Ministerio para saber os resultados de En Marea porque polos medios non fun quen.

E, con que nos sorprende agora? Pois con que “non vai permitir, nin por activa nin por pasiva, que goberne…”. Vostede e cantxs máis? E, cal é a estratexia para conseguilo? Pois pedirlle ao PSOE que goberne coas súas condicións. E, cales son as condicións? Na… unha menudencia, que se modifique a Constitución -tódalas condicións implican modificacións nela. Só hai un problemiña de nada, que non se pode facer iso sen o PP. Se o PSOE non consigue o acordado, pois… moción de censura cidadá.

Se o que quere vostede é provocar unha nova convocatoria de eleccións -aspiración lexítima e conveniente para o seu partido- dígamo claramente, non pretenda enganarme facéndome crer que foi o PSOE o que nos levou a esa situación.

Agradeceríalle que deixase xa de comportarse coma tertuliano e empezase a ser político.

Advertisements