Carta aos Reis Magos

Xa que parece que entramos nunha nova era, nunha nova maneira de facer política, a min gustaríame que non só mudase a forma de facer política. Por exemplo a forma de facer TV.

Gustaríame que, aclarado quen goberna e quen fai oposición, os políticos se dedicasen a iso. Porque andar de cadea en cadea, de programa en programa, para rematar dicindo o mesmo en todos os lugares -anécdotas incluídas- supoño que lles quitará moito tempo para dedicarse ao seu. Eu non me imaxino a min -nin a ninguén- facendo o meu traballo e ao mesmo tempo estar omnipresente en tódolos platós. Unha cousa é unha campaña electoral, que tamén podían ser máis discretas porque penso que a relación nova información que aportan – custo económico non é rendible, e outra que estemos tooodo o tempo en campaña.

Tamén me gustaría que os grupos de comunicación se dedicasen ao seu. E dentro do seu está facer series, cine, musicais, reportaxes… ademais da información e a opinión. Porque non nos enganemos, facer un programa de cinco horas nun plató cunha xente aí sentada -a eses non os fan estar en pé- falando de tanto me ten que, sae moi barato. E digo barato no sentido literal, escoitei a Jordi Évole dicir que el só pode facer un número determinado de programas ao ano porque saen máis caros que as tertulias e ocupan menos tempo de programación. Véndeno coma formatos novos con moita pluralidade e liberdade de expresión, de “interese cultural” ¿?… Pode ser, pero eu véxoos repetitivos e cunha liberdade de expresión daquela maneira -na esencia dos formatos está a violencia verbal- que non contribúe en nada á cultura da paz.

Por isto, é por outras razóns, pídolle aos Reis Magos -e a toda a sociedade, para ser máis realista- que nos dediquemos a traballar, cadaquen no seu, para mellorar a vida de todxs.