O PSOE e eu

O meu despertar político, no sentido estricto, foi na Universidade. Eu xa era protestona de natural, fora delegada de clase en algunha ocasión… Pero por aquelas a sociedade non estaba politizada e as reivindicacións eran estrictamente académicas: horarios de exames, algunhas protestas pola metodoloxía do profesorado…

Ao entrar na Universidade eu tiña un mozo -dicíase así- do PSOE. El vivía nun piso con outros tamén relacionados con ese partido. Decidiron tutelarme ideoloxicamente e eu deixábame daquela maneira -ler tódolos discursos de Allende parecíame excesivo e despois duns cuantos daba por finalizada a tarefa e dicíalles que os lira todos.

O PSOE non tiña moita implantación nesta Universidade, xa daquela tiña sona de moderado, e empecei a relacionarme -nos comités de curso- coa xente de ERGA, MC, PC…

A partir dese momento empecei a votar a partidos ou coalicións de esquerda nacionalista. Pero gustábame que o PSOE estivera aí. Era algo así coma xs xóvenes que se independizan porque a familia xs limita pero van lavar a roupa, comer e buscar os “tupper” á casa dos seus pais. Nalgunha ocasión, nas xerais, mesmo o teño votado, polo do voto útil.

Seguín a ter relacións persoais con persoas do PSOE e continuaba e continúo sen votalo. Pero sigo a pensar que debe estar aí, o mesmo que IU. Teñen xente -cadros- moi bos e pareceríame un tremendo erro que desapareceran da política.

Por iso non me gusta o discurso de que teñen que desaparecer “os vellos partidos”. Que non sei se iso quere dicir que o obxectivo e cambiar o bipartidismo PP-PSOE polo bipartidismo C’s-Podemos.

En fin… Que lles teño certa querencia, unhas veces paréceme que o fan bastante ben, outras non tanto… Espero que sigan aí, con épocas mellores e peores, gobernando e na oposición… Dáme certa seguridade.

Advertisements