Agradecemento

Hoxe recibín unha carta de Pedro Sánchez agradecéndome o meu traballo e o meu esforzo de toda a vida, e a miña contribución a que a nosa sociedade sexa mellor.

Xa… non pensedes que chochei de todo, sei que o meu nome e enderezo están sacados dun dos múltiples rexistros de datos que andan pululando por aí -nin se sabe cantos nin onde. Tamén a miña situación laboral de xubilada. A partir de iso, só é cuestión de facer un modelo de carta e mandala. Supoño que haberá outras para desempregadxs, autónomxs…

Aínda así agradézollo. Non votarei ao seu partido, pero agradézollo. Nunca antes recebira no meu domicilio unha carta de agradecemento por nada. Nin sequera por contribucións económicas que teño feito a plataformas -ás que si votei-, a sociedades sen ánimo de lucro, a candidatos en campaña que fan colectas -crowdfunding, chámanlle agora-… Tampouco as autoridades académicas correspondentes me deron as grazas, cando me xubilei, polo meu traballo.

Que digo eu… Que traballo costa?

Dar as grazas, xunto con pedir desculpas, son xestos que non facemos habitualmente. Na vida persoal tampouco. Cando fas algo por outras persoas, non sei moi ben por que código social, parece que é o que tiñas que facer de serie. E aínda máis, se non o fas é que eres mala persoa.

Por iso, aínda que sexa unha parvada:

Grazas Pedro Sánchez-PSOE