Paulina

Tódolos anos vexo en Cineuropa unha película que me cabrea. Este ano foi Paulina. O cabreo vén pola definición da persoaxe principal.

Quero dicir que tanto o autor da historia, coma os guionistas e o director da película son homes. Non sei se isto terá algo a ver.

Paulina é unha muller económica e culturalmente acomodada. É avogada, está a facer un master, o seu pai é fiscal -ou xuíz, non recordo-, ten unha parella estable pero non quere ter fillos (hai unha escena na que queda moi claro o seu posicionamento ao respecto)

Decide dedicarse a labores sociais e dá clase de dereitos humanos a persoas humildes nunha zona marxinal. Sofre o ataque dunha cuadrilla e é violada por un dos seus membros. Ponse en mans de profesionais da saúde física e mental. Sabe quen foron os que a atacaron -algúns eran alumnos seus.

Decide non presentar unha denuncia contra eles -e cando a policía os detén ela di que non foron eses- baseándose en dúas razóns; desconfía do sistema porque pensa que ao tratarse de persoas marxinais non van ter un xuízo xusto, e porque á fin tamén podería ser violada pola súa parella un día de borrachera e seguramente non o denunciaría.

Ate o de agora podería concordar con ela, aínda que tendo en conta que ela é avogada e o seu pai fiscal seguramente poderían facer moito pola xustiza dese xuízo. Tamén me fai preguntarme se segundo a súa liña argumental, se tes conciencia social non hai que denunciar aos agresores marxinais?

Pero o que xa me rematou de alporizar foi o paso seguinte: quedou grávida e decide non abortar. Recoñécelle ao seu pai que se quedase embarazada da súa parella -no suposto da violación da borrachera- si que o faría. O argumento é que si decidiu vivir nese medio tan duro, isto é o que hai.

Ole, ole!!!

Non só vai ter unha criatura, que non quería en condicións normais, senón que vai pasar a vida pendente de que o violador queira exercer a paternidade -ou algo peor.

Digo eu…Srs. cineastas, se as poucas personaxes femininas que hai van ser así…