Cineuropa

Rematou Cineuropa.

Cineuropa é todo un acontecemento nunha cidade pequena como a miña, na que as actividades culturais son, en xeral, bastante “academicistas” -a Universidade determina moito o tipo de actividades que se organizan.

Pero non vou falar de cinema, ou non no sentido estricto, senón de aspectos colaterais nos que me fixei.

O primeiro é que somos moi gregarios. A valoración que se fai dunha película ten moito a ver coa cantidade de xente que hai na sala nesa proxección, se asiste xente que participou -direccción, protagonistas, etc-… Vaia, que nos deixamos influenzar. E así, un documental sobre o accidente de tren en Santiago tivo unha valoración de 9,53 puntos. Eu non recordo unha puntuación tan alta nunca; nin para un documental, nin para ningunha petícula de ningún tipo, nin da sección oficial ou de calquera outra sección. Pero claro, a sala estaba petada, asistiron o director, afectadxs, invitadxs de todo tipo… ata creo que o xuíz do caso. Tamén axuda que o accidente foi aquí.

Que supoño que a película está ben feita -non a vin- pero dáme que bastante sobrevalorada.

O outro está relacionado, coma non, coas personaxes femininas. Das películas que vin nas que o protagonismo é unipersoal, hai o doble de protagonistas masculinos que femininos. Pero, para rematala, as protagonistas femininas adoitan tomar decisións irracionais, moi emotivas e pouco prácticas. Son mulleres-coraxe que loitan por algo, normalmente familiar ou persoal, con moita dignidade -non moi ben entendida. Actúan con moita épica. E menos mal que remata a película porque na realidade este tipo de actos con moito sentimento e pouca recionalidade adoitan ser reguleiros a medio prazo.

En fin… o cinema de “elite” tamén está cheo de estereotipos.

Con todo, Moitas grazas Cineuropa!!!

Advertisements