Melenas e tacóns

Xa sei que neste momento do que se fala é da violencia machista. Pero a min gústame máis subliñar cousas menos evidentes, porque penso que é no cotián e no rutinario onde está o xermolo das situacións máis extremas.

Voume referir ás melenas e aos tacóns porque son o non vai máis da feminidade e gustan por igual a homes e mulleres.

Empezo polo pelo. Hai algo máis bonito, máis feminino e que guste máis que unha longa e fermosa melena? É unha verdadeira obsesión. Aos homes encántanlles tanto dunha forma poética “enredarse nel” coma sexual “agarrala dos”. Ás mulleres tamén lles encantan as melenas, non sei moi ben se é para así gustar máis aos homes ou se é gusto de seu.

É tal a obsesión que en máis dunha ocasión escoitei comentar a preocupación -propia ou por unha terceira- pola perda do pelo cando se vai facer un tratamento de quimio, case máis que polo resultado do tratamento e polo tanto da evolución da enfermidade.

A ver… que non teño eu nada en contra de que cada quen leve o pelo como queira, pero hai que recoñecer que o pelo longo limita moito, especialmente ás nenas, na infancia. Cando as criaturas empezan a ser autónomas -vestirse, peitearse, asearse…- o pelo longo non axuda. Fai, por exemplo, que realizar actividades deportivas sexa máis incómodo: despois hai que ducharse, secar o pelo…

E os tacóns? Só a min me parecen unha tortura? Tamén teñen connotacións sexuais, son fetiches en todo tipo de relacións -non só nas sadomasoquistas. Ata as mulleres policías das películas e series perseguen os delincuentes subidas en tacóns de agulla cos que eu non podería dar máis de dous pasos.

Que tampouco lle vou negar a ninguén a posibilidade de sufrir como lle dea a gana, pero…

Non haberá algo de machismo nestas pequenas cousas?

Non estaremos a afacer as nenas a pasar incomodidades polos homes?