Debater

Sorpréndeme moito o significado no que acabou derivando esta palabra: loita, combate.

En galego non ten este significado, é “Tratar (un asunto) entre varias persoas, xeralmente con puntos de vista distintos, estudiando os seus diferentes aspectos.” (…) SIN. discutir.”

En castelán ten dúas acepcións; a primeira que coincide coa que acabo de poñer e a “2. Combatir, guerrear.”

Até non hai moito cando se dicía que ía haber un debate na TV, entendíase que varias persoas ían expor os seus puntos de vista sobre un asunto, e que podían coincidir -ou non. Os primeiros que recordo foron os de Balbín. Nese caso axustábanse á idea de persoas que opinaban -sen importarlles demasiado que as opinións fosen converxentes ou diverxentes.

Agora xa colocan, fisicamente, xs opinadores en dous lados. E se en algún momento a opinión dalguén dun lado coincide coa doutrx do outro lado, case ten que pedir perdón e a continuación aclarar que só coincide parcialmente.

Se a isto lle engadimos que nos gusta -en xeral- “saírnos coa nosa” xa temos dous obxectivos -non concordar e ter razón- máis importantes que escoitar e opinar argumentando.

Cando hai un debate político a cousa ponse aínda peor.

As persoas que participan basean a súa actuación na repercusión mediática. Os medios analizan miles de aspectos; a postuta, a linguaxe corporal -está moi de moda esta profesión-, a vestimenta, a seguridade en si propix… Total, que entre todxs son capaces de conseguir que ao día seguinte dun debate non se fale das propostas de cada quen. O interese, tanto da cidadanía coma dos medios de comunicación -que trasladan á portada dos diarios- é

Quen gañou?