Meditación II

Seguramente isto que fago é o que non hai que facer na Meditación -darlle moitas voltas, analizar…

Pero cada unha “báixase do cabalo como quere”

Parece que vou entendendo do que se trata: estar, un tempo determinado, nun nivel diferente -segundo xs iniciadxs, superior- á realidade cotiá.

Nese tempo só conta o noso corpo e o presente. As sensacións que nos cheguen hai que sentilas sen prexuízos e os pensamentos que aparezan hai que deixalos pasar sen lle facer caso. Conseguilo é o obxectivo -aínda que teoricamente non hai un obxectivo porque intentar conseguilo pode obsesionarnos ou xulgarnos.

Resumindo: se oes algo podes analizar as calidades do son, pero non definilo coma ruído -que sería un xuízo. Se che vén un pensamento non te podes enganchar nel, para non engancharte podes centrarte na respiración ou facer algún movemento acompasado coa respiración… centrarte noutra cousa, vaia. E se non o consigues non xulgarte; non me sae, que inútil son…

Para isto hai actitudes que favorecen a Meditación. Unha delas xa a mencionei: Observar sen xulgar.

Outra que me sorprendeu algo máis é Mentalidade de principiante -enfrontarse ás cousas coma se non tiveramos experiencias similares porque o momento non é o mesmo. Eu xa pensara nisto coa situación política actual. Xs que vivimos a transición non podemos evitar pensar que o que está a pasar é o mesmo. Pero o momento non é o mesmo e polo tanto non podemos deducir que o resultado vaia ser igual. A experiencia ás veces é un lastre pero ignorala tamén pode ser un erro. ¿?

Total… que, de momento, en vez de meditar, analizo. Pero eu sigo co tema, e a ver que pasa.

Advertisements