Meditación I

Voulle pór número porque seguro falarei máis veces disto.

Empecei ir a meditación. Cun certo escepticismo, teño que dicir. Son “de ciencias” e atea, e polo tanto racional e analítica. Pode que isto non teña nada a ver pero estame costando entender que é isto da meditación.

Xa sabía que non ten que ver co que normalmente entendemos por meditar -aplicar con profunda atención o pensamento á consideración dunha cousa, reflexionar- máis ben o contrario, centrarse nas sensacións do momento presente e dixar que os pensamentos pasen de largo, sen facerlles caso ¿?. Pero non dou chegado ao que é, e especialmente para que é. Parece que é unha especie de entrenamento para afrontar mellor o que pasa na vida pero por outro lado disque ten que ser algo que se fai sen ningún obxectivo… Xa irei vendo.

En calquera caso, de momento estame a parecer interesante. O outro día, a Mestra distinguía entre dor e sufrimento. A Mestra é estranxeira e eu xa non sei se isto de que o significado das palabras non sexa o mesmo terá algo a ver. Pero ao que ía, segundo ela a dor non se pode evitar pero o sufrimento si, porque sufrimento é o que nós engadimos á dor real, do tipo “e que ademais son idiota, se ton tivera feito isto non pasaría estoutro” ou “non debería facer isto asi, porque podería ter pasado algo moito peor”… Eu penso que se refire á culpa. Cando ocorre algo que nos causa dor sempre o “adornamos” coa dor engadida da nosa posible responsabilidade -por acción ou por omisión. Segundo a Mestra isto fai que non afrontemos correctamente a dor real porque nos centramos no sufrimento engadido.

Non sería mala cousa aprender a “non botar máis leña ao lume”.