Xenios e mitos

Hai uns cuantos días lin, nunha rede social, unha información -non vou entrar na veracidade da mesma porque non ten relevancia para o que vou comentar- sobre a existencia dun vídeo no que John Lennon aparecería coma moi pouco sensible coas persoas con discapacidades e mesmo algo xenófobo. Descoñezo a intencionalidade, pero supoño que ás persoas ás que nos gusta a súa música -que foi o campo no que sobresaiu- non vai deixar de gustarnos -a música- pola faceta persoal do compositor.

Isto fíxome pensar na tendencia que temos a confundir as cousas, a atribuírlle a alguén unhas calidades a partir de outras. Explícome. Sempre houbo, hai e haberá persoas xeniais que teñen un “don”; científicxs, artistas… pero iso non as converte en referentes para tódolos campos da vida. Moitos eminentes científicos non foron precisamente modelos de “boa xente”.

Cando aparece unha persoa que sobresae en algo, o que sexa, convertémola en mito e unha vez que é mito xa se lle supón a perfección. Desaparece o mito cando aparece a imperfección?

Por iso eu non son mitómana. Teño admiración por algunhas persoas, si, pero abarca unha faceta determinada. Por exemplo Saramago, admiro o seu pensamento político -á parte das dotes literarias- pero se coñecese polo miúdo a súa faceta persoal seguro que habería aspectos que non me gustarían.

E tamén por iso non entendo que admitamos como boas as opinións de todo o mundo para todas as cousas. Nin sequera que llas pidamos.

Por que lle pedimos a deportistas, cantantes… de élite que analicen a situación económica-política do momento?

Que non quero dicir que non teñan opinión pero, en principio, igual de relevante que a de calquera outra persoa anónima. Non acabo de verlle o interese informativo.

Advertisements