Confianza

A chegada de Podemos ao panorama político foi moi positiva por varias razóns. Para min a principal foi canalizar a crispación. Sabemos que a xente cabreada pode rematar noutro tipo de organizacións -para min pouco desexables.

Pero tamén alimentou a desconfianza nas organizacións políticas existentes, e tamén nas persoas que se viñan dedicando á política até o de agora. Somos unha sociedade de brancos e negros. Tentar facer matices é case imposible. Calquera gris vai ser “interpretado” coma branco ou coma negro, segundo a (persoa) intérprete.

Tódolos partidos son iguai… Tódolos políticos son iguais… de corruptos.

E a cousa calou. Sempre é sinxelo desacreditar. De calquera persoa -non fai falta que sexa política, pode ser veciña ou compañeira de traballo- sempre estamos máis cerca de crer algo malo que algo bo.

E chegamos a unha situación que, segundo eu a vexo, non facilita a rexeneración. Vou concretar un pouco.

Estamos coa contitución dunha Marea. Cen persoas propoñen un manifesto que asinan outras moitas. Organízase un encontro, ao que asisto. Hai intervencións de asociacións cidadás, individuais… todo normal. Chegan as mesas de “traballo” e eu, que xa teño os meus anos, non deixaba de sorprenderme por todo.

Teño que facer unha aclaración, cando isto se estaba a desenvolver aínda non se elixiran as persoas que ían constituír a Coordinadora. As persoas que iniciaron o proceso ían deixalo e a partir deste encontro abríase o prazo para presentarse como candidatx, individualmente.

Ben… pois tendo claro que a coordinadora ía estar constituída por persoas das que estabamos aí e que eramos nós quen as íamos elixir… era incrible a desconfianza -en quenqueira que fose elixidx.

Na mesa Código ético dixéronse cousas que, aparte de non ter nada a ver cun código ético, parecían dar por descontado que nós mesmxs, cando foramos coordinadores, sufririamos unha transformación total até converternos nun Bárcenas máis.

Pouco máis tarde, xa elixida a Coordinadora, algúns empezaron coas paranoias dos intereses da Coordinadora para unha actuación determinada -ou para unha non actuación… Que si respectan ou non o mandado das bases…

E digo eu… Non haberá un termo medio?

Moita confianza pode facilitar a corrupción, pero tanta desconfianza pódenos levar ao inmobilismo.

Advertisements