Atresmedia e Mediaset

Os dous son grupos de comunicación -un con máis capital español ca outro, pero non vou facer unha análise económica.

Aínda que puxen o nome dos grupos, porque dalgún xeito a liña é parecida nas empresas do grupo, voume referir máis concretamente a Antena3 e Telecinco e ver que tipo de entretemento fan na franxa tarde-noite, que é cando eu vexo a tele.

En Telecinco sempre teñen un programa-concurso de telerrealidade -GH, GH de “famosxs”, Supervivientes de “famosxs”…- e dedican boa parte da programación a analizar os conflictos entre as persoas que compiten. Conflictos que a propia organización provoca ou amplifica utilizando a técnica de “huy lo que le ha dicho!!!” interpretando sibilinamente as palabras dxs concursantes.

Nun momento case coinciden no tempo dous programas de saltos de trampolín, un en cada cadena, e o tratamento foi completamente diferente a pesar de ser exactamente o mesmo formato -persoas coñecidas de diversos campos profesionais que fan saltos.

En Antena3, ademais do concurso de saltos propiamente dito, introducían, para facelo máis ameno, algún espectáculo de humor -Arturo Vals facendo natación sincronizada…- e como cebo o bañador que levaría Falete, por exemplo.

En Telecinco mandaban a colaboradores doutros programas para encirrar aos concursantes e gravalos para conseguir contidos. Logo metíanse co seu físico, especulaban sobre posibles infidelidades… para “alimentar” a audiencia tanto dese programa coma dos programas satélite -Sálvame e similares. O cebo era o morbo.

Que por que? Pois porque parece que iso é o que nos gusta; a crispación, as pelexas…

Pero non é certo. Tu cara me suena -concurso de Antena3 no que persoas coñecidas fan imitacións de cantantes- ten moi bos índices de audiencia e xs concursantes teñen moi boa sintonía -ou iso representan- e ninguén xs insulta nin nese nin noutros programas da cadea ou do grupo. E non parece que se bote de menos saber se lle son fieis as súas parellas ou se entre eles teñen algún rifi-rafe en algún momento.

Telecinco, xa vale de utilizar a audiencia para xustificar a programación!!!