Meditación II

Seguramente isto que fago é o que non hai que facer na Meditación -darlle moitas voltas, analizar…

Pero cada unha “báixase do cabalo como quere”

Parece que vou entendendo do que se trata: estar, un tempo determinado, nun nivel diferente -segundo xs iniciadxs, superior- á realidade cotiá.

Nese tempo só conta o noso corpo e o presente. As sensacións que nos cheguen hai que sentilas sen prexuízos e os pensamentos que aparezan hai que deixalos pasar sen lle facer caso. Conseguilo é o obxectivo -aínda que teoricamente non hai un obxectivo porque intentar conseguilo pode obsesionarnos ou xulgarnos.

Resumindo: se oes algo podes analizar as calidades do son, pero non definilo coma ruído -que sería un xuízo. Se che vén un pensamento non te podes enganchar nel, para non engancharte podes centrarte na respiración ou facer algún movemento acompasado coa respiración… centrarte noutra cousa, vaia. E se non o consigues non xulgarte; non me sae, que inútil son…

Para isto hai actitudes que favorecen a Meditación. Unha delas xa a mencionei: Observar sen xulgar.

Outra que me sorprendeu algo máis é Mentalidade de principiante -enfrontarse ás cousas coma se non tiveramos experiencias similares porque o momento non é o mesmo. Eu xa pensara nisto coa situación política actual. Xs que vivimos a transición non podemos evitar pensar que o que está a pasar é o mesmo. Pero o momento non é o mesmo e polo tanto non podemos deducir que o resultado vaia ser igual. A experiencia ás veces é un lastre pero ignorala tamén pode ser un erro. ¿?

Total… que, de momento, en vez de meditar, analizo. Pero eu sigo co tema, e a ver que pasa.

Advertisements

Meditación I

Voulle pór número porque seguro falarei máis veces disto.

Empecei ir a meditación. Cun certo escepticismo, teño que dicir. Son “de ciencias” e atea, e polo tanto racional e analítica. Pode que isto non teña nada a ver pero estame costando entender que é isto da meditación.

Xa sabía que non ten que ver co que normalmente entendemos por meditar -aplicar con profunda atención o pensamento á consideración dunha cousa, reflexionar- máis ben o contrario, centrarse nas sensacións do momento presente e dixar que os pensamentos pasen de largo, sen facerlles caso ¿?. Pero non dou chegado ao que é, e especialmente para que é. Parece que é unha especie de entrenamento para afrontar mellor o que pasa na vida pero por outro lado disque ten que ser algo que se fai sen ningún obxectivo… Xa irei vendo.

En calquera caso, de momento estame a parecer interesante. O outro día, a Mestra distinguía entre dor e sufrimento. A Mestra é estranxeira e eu xa non sei se isto de que o significado das palabras non sexa o mesmo terá algo a ver. Pero ao que ía, segundo ela a dor non se pode evitar pero o sufrimento si, porque sufrimento é o que nós engadimos á dor real, do tipo “e que ademais son idiota, se ton tivera feito isto non pasaría estoutro” ou “non debería facer isto asi, porque podería ter pasado algo moito peor”… Eu penso que se refire á culpa. Cando ocorre algo que nos causa dor sempre o “adornamos” coa dor engadida da nosa posible responsabilidade -por acción ou por omisión. Segundo a Mestra isto fai que non afrontemos correctamente a dor real porque nos centramos no sufrimento engadido.

Non sería mala cousa aprender a “non botar máis leña ao lume”.

Pilaristas

Onte vin a reportaxe de Jordi Évole sobre o colexio do Pilar e o seu alumnado.

A min paréceme que o colexio ten pouco a ver nisto da fabricación de elite. Máis ben creo que foi a elite a que fixo ao colexio.

Madrid é embigo e os madrileñxs síntense un pouco así. Pero non só na dictadura. O goberno do estado está en Madrid, os gobernantes e as súas familias tamén. Moitas empresas -medios de comunicación incluídos- están en Madrid e os empresarios e as súas familias tamén. A repercusión de calquera acontecemento que se celebre en Madrid é maior que se se celebrase en calquera outro lugar. Mesmo a actividade cultural parece maior que a de Barcelona, por exemplo -que eu penso é, tanto en cantidade coma en calidade, superior.

Madrid é a capital do estado, e antes do estado do reino, logo moitos descendentes de nobles tamén teñen as súas propiedades aí. Que no centro desta cidade se xunten os restos da nobleza coa burguesía é o natural -tamén pasou nas outras cidades. En tódalas cidades houbo colexios privados de elite. No País Vasco tamén hai unha universidade, Deusto, da que tamén se dixo que era unha fábrica de dirixentes de calquera cor política.

Non teño dúbidas de que o colexio do Pilar, a universidade de Deusto e outros moitos centros de ensino de elite ofrecesen unha boa formación. Pero tampouco ten moito mérito. Traballar con alumnado dunha familia culta ou que valoraba a cultura -caso dalgúns burgueses- e con posibles para poñerlles profesorado particular, na casa, cando o alumnado era algo torpe… pois o normal é que rematen os estudos. Rematados os estudos, moi valorados naqueles momentos, colocarse tampouco era complicado; as propias familias tiñan as empresas, os bufetes, os cargos políticos… ou os cartos para os que saían artistas -que tamén houbo- ou emprendedores.

Estou segura de que en Barcelona tamén houbo colexios de elite dos que saíron moitos “personaxes ilustres”, que non foron vivir a Madrid e por iso non os coñecemos.

E en tódalas cidades, pero por lóxica e estatística nas pequenas menos cantidade. E moitos ían a Madrid ou Barcelona para prosperar máis.

Total… que penso que a “elite” vén -normalmente- das familias e do contorno social, non do colexio.

Pode que en algún momento a formación do Sistema educativo sexa máis determinante á hora de “formar dirixentes”.

LGBT

LGBT -Lesbianas, gays, bisexuais e transexuais. E non podía ser doutra maneira, despois apareceu o Q -LGBTQ. Non teño moi claro o do Q, por iso da querencia que lle temos ao Inglés, porque parece que vén de queer -extrano ou pouco usual. Pero parece que son persoas que non son heterosexuais pero tampouco se identifican coas catro categorías da LGBT.

Isto de clasificar ás persoas non o acabo de ver. Cada persoa é única, ten o seu ADN, o seu pensamento, os seus sentimentos… e calquera intento de agrupalas -tanto me ten o criterio: atea-relixiosa, dunha ou outra relixión, socialdemócrata-liberal, identidade sexual- vai ser, cando menos, incompleto.

O feito de que un home dende sempre se sinta muller e coma muller é lesbiana… ten que ter un nome?

Para que liar tanto? Só hai unha categoría: Persoas. E xa está.

Tal e coma eu o vexo a loita polos dereitos non habería que facela por colectivos, os dereitos teñen que ser universais.

Por exemplo, as familias. Por que teñen dereitos específicos? Na actualidade pode que menos, pero aínda se escoita iso de “medidas de protección a las familias”. De aí xorden as comparacións e polo tanto hai que ir definindo modelos de familias; que si monoparentais, de parella homosexual… e digo eu que por que non de persoas que non son parella nin teñen relación sanguínea… Todo isto non sería necesario se non houbese “privilexios” para as unidades familiares. Cada quen viviría só ou con quen lle dese a gana, compartiría o que ten con quen lle parecera e legaría os seus bens como lle saíse dalí.

E outro, a infancia. Unha criatura orfa “normal” ten que ter os mesmos dereitos cunha orfa dun colectivo “especial”? ou como di Rajoy, dito doutra maneira. A orfandade das vítimas do terrorismo é diferente das otras?

Calquera persoa; infante ou adulta; L,G,B,T ou Q; vítima do terrorismo, dos accidentes de tráfico ou da mesma vida; pertencente a unha familia -recoñecida coma tal- ou non… Ten que ter, en principio, os mesmos dereitos básicos.

Cando algún colectivo está discriminado o que precisa é ter os mesmos dereitos, non outros distintos.

Xenios e mitos

Hai uns cuantos días lin, nunha rede social, unha información -non vou entrar na veracidade da mesma porque non ten relevancia para o que vou comentar- sobre a existencia dun vídeo no que John Lennon aparecería coma moi pouco sensible coas persoas con discapacidades e mesmo algo xenófobo. Descoñezo a intencionalidade, pero supoño que ás persoas ás que nos gusta a súa música -que foi o campo no que sobresaiu- non vai deixar de gustarnos -a música- pola faceta persoal do compositor.

Isto fíxome pensar na tendencia que temos a confundir as cousas, a atribuírlle a alguén unhas calidades a partir de outras. Explícome. Sempre houbo, hai e haberá persoas xeniais que teñen un “don”; científicxs, artistas… pero iso non as converte en referentes para tódolos campos da vida. Moitos eminentes científicos non foron precisamente modelos de “boa xente”.

Cando aparece unha persoa que sobresae en algo, o que sexa, convertémola en mito e unha vez que é mito xa se lle supón a perfección. Desaparece o mito cando aparece a imperfección?

Por iso eu non son mitómana. Teño admiración por algunhas persoas, si, pero abarca unha faceta determinada. Por exemplo Saramago, admiro o seu pensamento político -á parte das dotes literarias- pero se coñecese polo miúdo a súa faceta persoal seguro que habería aspectos que non me gustarían.

E tamén por iso non entendo que admitamos como boas as opinións de todo o mundo para todas as cousas. Nin sequera que llas pidamos.

Por que lle pedimos a deportistas, cantantes… de élite que analicen a situación económica-política do momento?

Que non quero dicir que non teñan opinión pero, en principio, igual de relevante que a de calquera outra persoa anónima. Non acabo de verlle o interese informativo.

Confianza

A chegada de Podemos ao panorama político foi moi positiva por varias razóns. Para min a principal foi canalizar a crispación. Sabemos que a xente cabreada pode rematar noutro tipo de organizacións -para min pouco desexables.

Pero tamén alimentou a desconfianza nas organizacións políticas existentes, e tamén nas persoas que se viñan dedicando á política até o de agora. Somos unha sociedade de brancos e negros. Tentar facer matices é case imposible. Calquera gris vai ser “interpretado” coma branco ou coma negro, segundo a (persoa) intérprete.

Tódolos partidos son iguai… Tódolos políticos son iguais… de corruptos.

E a cousa calou. Sempre é sinxelo desacreditar. De calquera persoa -non fai falta que sexa política, pode ser veciña ou compañeira de traballo- sempre estamos máis cerca de crer algo malo que algo bo.

E chegamos a unha situación que, segundo eu a vexo, non facilita a rexeneración. Vou concretar un pouco.

Estamos coa contitución dunha Marea. Cen persoas propoñen un manifesto que asinan outras moitas. Organízase un encontro, ao que asisto. Hai intervencións de asociacións cidadás, individuais… todo normal. Chegan as mesas de “traballo” e eu, que xa teño os meus anos, non deixaba de sorprenderme por todo.

Teño que facer unha aclaración, cando isto se estaba a desenvolver aínda non se elixiran as persoas que ían constituír a Coordinadora. As persoas que iniciaron o proceso ían deixalo e a partir deste encontro abríase o prazo para presentarse como candidatx, individualmente.

Ben… pois tendo claro que a coordinadora ía estar constituída por persoas das que estabamos aí e que eramos nós quen as íamos elixir… era incrible a desconfianza -en quenqueira que fose elixidx.

Na mesa Código ético dixéronse cousas que, aparte de non ter nada a ver cun código ético, parecían dar por descontado que nós mesmxs, cando foramos coordinadores, sufririamos unha transformación total até converternos nun Bárcenas máis.

Pouco máis tarde, xa elixida a Coordinadora, algúns empezaron coas paranoias dos intereses da Coordinadora para unha actuación determinada -ou para unha non actuación… Que si respectan ou non o mandado das bases…

E digo eu… Non haberá un termo medio?

Moita confianza pode facilitar a corrupción, pero tanta desconfianza pódenos levar ao inmobilismo.

Atresmedia e Mediaset

Os dous son grupos de comunicación -un con máis capital español ca outro, pero non vou facer unha análise económica.

Aínda que puxen o nome dos grupos, porque dalgún xeito a liña é parecida nas empresas do grupo, voume referir máis concretamente a Antena3 e Telecinco e ver que tipo de entretemento fan na franxa tarde-noite, que é cando eu vexo a tele.

En Telecinco sempre teñen un programa-concurso de telerrealidade -GH, GH de “famosxs”, Supervivientes de “famosxs”…- e dedican boa parte da programación a analizar os conflictos entre as persoas que compiten. Conflictos que a propia organización provoca ou amplifica utilizando a técnica de “huy lo que le ha dicho!!!” interpretando sibilinamente as palabras dxs concursantes.

Nun momento case coinciden no tempo dous programas de saltos de trampolín, un en cada cadena, e o tratamento foi completamente diferente a pesar de ser exactamente o mesmo formato -persoas coñecidas de diversos campos profesionais que fan saltos.

En Antena3, ademais do concurso de saltos propiamente dito, introducían, para facelo máis ameno, algún espectáculo de humor -Arturo Vals facendo natación sincronizada…- e como cebo o bañador que levaría Falete, por exemplo.

En Telecinco mandaban a colaboradores doutros programas para encirrar aos concursantes e gravalos para conseguir contidos. Logo metíanse co seu físico, especulaban sobre posibles infidelidades… para “alimentar” a audiencia tanto dese programa coma dos programas satélite -Sálvame e similares. O cebo era o morbo.

Que por que? Pois porque parece que iso é o que nos gusta; a crispación, as pelexas…

Pero non é certo. Tu cara me suena -concurso de Antena3 no que persoas coñecidas fan imitacións de cantantes- ten moi bos índices de audiencia e xs concursantes teñen moi boa sintonía -ou iso representan- e ninguén xs insulta nin nese nin noutros programas da cadea ou do grupo. E non parece que se bote de menos saber se lle son fieis as súas parellas ou se entre eles teñen algún rifi-rafe en algún momento.

Telecinco, xa vale de utilizar a audiencia para xustificar a programación!!!