Parchear

Cando se dirixe unha empresa, de calquera tipo, aparecen cada día imprevistos aos que hai que dar solución de forma inmediata e polo tanto cunha certa dose de improvisación. Digo certa dose porque esas actuacións deben estar enmarcadas nunhas liñas de organización e planificación. O que se chama normalmente “apagar lumes” que solucionan o problema.

E logo está o que se chama pór un parche, que é solucionar de forma provisional unha situación concreta pero que require buscar unha solución global.

E eu, sinceramente, só vexo parches por todas partes. Moitos problemas están aí, dende sempre, e non se atopan solucións. Eu estou convencida de que non se resolven porque confúndense parches con solucións.

Xa escribín noutra ocasión que eu non creo que acabemos co machismo con leis ou cotas. Acabaremos con el cando acabemos coa dependencia emocional, o medo á soedade… dos homes e das mulleres. Porque nas relacións de dependencia os dous son dependentes.

E coa solidariedade -caridade- non imos acabar coa emigración ou cos refuxiados. É unha cuestión de desigualdade por unha banda e de violencia pola outra. Ou de todo xunto.

Que non digo que non haxa que pór ese parche. As persoas están aí e dalgunha forma hai que libralas dunha morte probable ou dunha vida indigna. Pero non é a solución. A solución e acabar -ou polo menos diminuír- coa desigualdade e coas guerras

O da violencia tiñamos que facérnolo mirar. É incrible que por máis que parece que todxs temos moi claro que a violencia física é unha liña vermella, estamos dispostxs a xustificala en moitísimas ocasións.

Arrepíos me dan cando escoito debater sobre a xustiza ou non dunha guerra. De cando hai guerras xustas?

Advertisements

Perdemos a chaveta?

Estamos nun momento que todo é superlativo. Cando queremos subliñar algo -normalmente atacar politicxs- facémolo sen mesura. Estamos tan obsesionados en buscar moitos argumentos para evidenciar a perversidade que non percebimos os matices. Vou pór algúns exemplos.

Empezamos coas denuncias por corrupción, nepotismo, malversación… E, coma non podía ser doutra maneira, pasamos de mirar para outro lado a pedir a dimisión por dicir unha frase desafortunada. E pasou o que tiña que pasar, que os mesmos que se puñan tan estupendos teñen que dar agora explicacións.

Xa teño escrito sobre esto: non é o mesmo un agasallo que un suborno, non é o mesmo unha porta xiratoria que volver traballar no teu campo despois de deixar a política, nin que “coloques” a túa familia sen ningún criterio de cualificación que que alguén cualificado e que xa estaba traballando nese lugar pase a desempeñar outro posto de traballo cun perfil similar -casos do Concello de Madrid.

Por que hai que dar explicacións agora? Pois porque no seu momento cometéronse excesos pedindo explicacións e dimisións por situacións similares.

Coido que hai casos máis que suficientes de situacións clarísimas de “malas prácticas” como para andar enredando coas parvadas da viga en ollo alleo e da palla no meu.

Recentemente chamoume a atención unha información sobre as queixas polas condicións dun campamento de refuxiadxs, entre as que se atopaba… que non ten calefacción?

Non se nos está indo o caletre? Será que un problema importante dxs refuxiadxs é non ter calefacción no verán? Será que todo o demais non é suficientemente dramático e hai que engadir iso para que o asunto teña máis repercusión?

En serio… deberiamos ocuparnos de resolver os problemas importantes e urxentes en vez de preocuparnos polas tonterías e polas elucubracións.