Mestre do ano

Vin, fai pouco, unha entrevista ao mestre candidato -por España- a mestre do ano mundial -ou algo así- Global Teacher Price. É un home.

Descoñezo -polo miúdo- as marabillas da súa metodoloxía, pero polo que subliñaban na estrevista nada que poida sorprender a calquera docente. Non quero quitarlle mérito a el -que o ten- pero quero destacar que ao longo da miña vida profesional coñecín moitas mestras igual de innovadoras -e seguramente máis.

Que foi o que pasou? Por que este señor se fixo coñecido para ser candidato? Por que as mestras que fan cousas parecidas non se fan coñecidas polas masas?

Asistín a congresos, escolas de verán… convivencias nas que grupos de mestras presentaban (mos) experiencias pedagóxicas -de calado- con metodoloxías moi innovadoras. Nada diso saía nos medios. Non tiñan repercusión máis alá dxs asistentes.

Na docencia hai moitísimas máis mulleres ca homes. Canto menor é o alumnado -e polo tanto máis difícil a docencia- menos mestres -homes- hai. Na educación infantil é moi raro ver mestres; na primaria hai algún máis, normalmente nas especialidades -música, educación física, departamento de orientación… mestres-titores, poucos; no ensino secundario a relación é algo máis paritaria pero os homes seguen a ser minoría.

En serio que o candidato de España é un home? Nin que foramos Xapón.

E as feministas de “filiación” non din nada?

En fin… Outra vez as técnicas de venda e a dictadura dos medios. Miles de persoas facendo cousas marabillosas no ensino primario e o “famoso” ten que ser un home.

Penso que aquí hai algo máis que o “teito de cristal”. Non é que as mulleres non poidan chegar ao mesmo sitio, de feito xa estaban nese sitio antes que os homes. A cuestión está no recoñecemento e no respaldo; non no salario, nin na posibilidade de chegar, ou a menor presenza feminina.

Como se soluciona isto?

Advertisements