Grecia non é España

Escoitamos esta frase ata a saciedade pero ao mesmo tempo si que nos están comparando todo o tempo -as mesmas persoas.

Estamos vendo coma todos os políticos están pretendendo sacar tallada electoral posicionándose dun lado ou do outro -gregos- coma se nós fosemos Grecia.

O caso de Pablo Iglesias Jr. é bastante espectacular, xa non sabe que facer para apuntarse tódolos tantos de todo o que pase ao seu arredor.

Acércase ou alónxase de ANOVA e AGE segundo lle vai vindo ben. Alónxase de IU en España pero integrouse no grupo da Esquerda Plural europeo, no que xa estaban -antes ca Podemos- IU e Syriza.

Tamén parece que pretende apropiarse de tódalas plataformas cidadás -agora está coas Mareas galegas.

Xa escribín hai tempo que Syriza ten máis similitudes con AGE ou con IU -coas que tiña relación cando nin existía Podemos- que con Podemos. Pero a Pablo Iglesias dálle igual, non tivo ningún escrúpulo en demostrar que “Tsipras é máis amigo meu ca teu” no peche da campaña electoral grega, saíndo ao escenario cando estaba acordado que non habería intervencións “extranxeiras” no último día -de feito só saiu facer a foto.

Non entendo que fan os Partidos políticos españois -todos- en pórse a facer campaña no referendum grego -polo si ou polo non- e pretender trasladar iso a España.

Eu alégrome de que gañase o NON en Grecia, máis por unha cuestión testemuñal que real. Hai que reivindicar a democracia e a política fronte os mercados. Pero non nos enganemos, en Grecia están case na situación “non ter nada que perder, agás as súas cadeas”, cousa que creo pon pasa en España polo de agora. Teño moitas dúbidas de que o resultado aquí fose o mesmo, nin sequera que se celebrase referendo. Pero non porque sexamos menos demócratas que os gregos senón porque non se convocan referendos para perdelos.

En lugar de pór tanta énfase en colocarse dun lado ou doutro, de buscar resultados electorais, TODOS deberían buscar unha solución ao problema. Que a hai, seguro.

Advertisements