O humor

Eu son máis ben tirando a sosaina; non é doado que algo me arranque unha gargallada, non me río con depende que chistes, tampouco me río con personaxes coma Torrente… e algúns chistes ou bromas ata me cabrean un pouco.

Estamos en plena polémica da utilización do humor e fixeime nalgunhas máximas que oín ou lin estes días, coas tres estou parcialmente de acordo.

O humor é ficción

O límite está no contexto

O límite do humor negro está na dor das vítimas

O humor é ficcion, a veces. En moitas actividades artísticas está presente o humor; no cine, na literatura… mesmo hai subxéneros; comedia, literatura de humor… Nestes casos podemos elixir, o mesmo que coas que non son de humor. A min non me gustan as películas de acción trepidante con moitos efectos especiais e moito ruído, e non vou velas. Tampouco me gustan moitas de humor -xa mencionei as de Torrente- que tampouco vexo.

Tamén existe o humor satírico, que non é de ficción, é de opinión. Nos xornais aparecen viñetas de humor que se colocan na sección de opinión. Pode alguén ofenderse por iso?

Ter en conta o contexto ten sentido, non é o mesmo publicar, nun medio, un chiste sobre xs funcionarioxs que facelo na túa cara -eu fun funcionaria. A persoa que mantiña que o límite está no contexto puña coma exemplo facer o amor, que está ben en xeral pero non se o fas no velorio do teu avó, diante do féretro.

Pór o límite na dor das vítimas estaría ben. Aínda que tamén hai que recoñecer que dentro do “colectivo” de vítimas hai unhas máis sensibles ca outras. Mesmo hai familiares de segundo grao de parentesco que se ofenden máis que a propia vítima.

A min non me gusta o humor que ridiculiza colectivos -gangosos, funcionarixs, mulleres, homosexuais, habitantes de Lepe… Pero o que realmente me importa é a malafollá. Moitas persoas utilizan o humor coma unha excusa para ofender sen que a persoa ofendida poida defenderse. Aclaro. Como titora docente tiven que resolver casos deste tipo.

Un grupo fai matonismo -“bromas pesadas”- a un alumno polo seu amaneiramento, anomalía física… outrxs compañeirxs dinlle que faga como que non lle importa e así pararán, pero non paran porque saben que si que lle importa… Cando se aborda o problema na titoría, o primeiro argumento dos “matóns” é: “no… é de broma e a el non lle importa, xa sabe que é broma, somos amigos…”. Vaia, que non ten sentido do humor a criatura.

Para min o límite está na intencionalidade de causar dor, de forma directa.

Advertisements