Camisa branca

A vestimenta sempre foi reflexo de posicionamentos sociais. Dende que eu recordo, empezou o movemento jipi, logo viñeron xs progres e a partir de aí tódalas tribos urbanas. Case sempre responde a unha manifestación contestataria.

Na política tamén pasa. Polos anos 70 os líderes do PSOE levaban chaquetas de pana. Xs xornalistas e analistas políticos non se centraban demasiado nese tema, máis alá do cualificativo xenérico de farrapeiros (desharrapados) -equivalente ao perroflautas actuais- que facía a prensa de dereitas. Cando se falaba da intervención de González ou de Guerra en calquera foro, non se aludía -normalmente- á vestimenta.

Despois viñeron as mulleres e mudou o enfoque. De Carmen Alborch é máis doado recordar como vestía ou de que cor tiña o pelo que o ministerio que dirixiu ou que cousas fixo nel; non se falaba doutra cousa. Nos medios tamén, mesmo era noticia a reacción dos parlamentarios cando ela entraba no hemiciclo.

De aí pasamos a facer dos contos algo máis serio: a anáise da imaxe e da expresión corporal. Cando había un debate televisivo entre candidatos -homes- os sesudos analistas e xornalistas pasaban tempo e tempo falando da cor das camisas; das gravatas -e aquí xa podía aparecer de todo; o simbolismo da cor, as ocasións nas que usaron a mesma…-; dos traxes, que se eran feitos a medida ou non…; dos zapatos non recordo que se falase, pero seguro que si. Tamén falaban da expresión corporal e ata se chamaba a especialistas para falar do asunto. Un pouco do debate tamén. E iso que eran homes; se chegan ser mulleres…

Que igualdade non quere dicir tratar da mesma forma aos homes que ás mulleres se o trato é inapropiado!!!

Tratábase de que a vestimenta non importa, non de que se criticamos as mulleres aos homes tamén.

Eu penso que foi por iso, por non dar pé a desviar a atención, que os novos líderes -tamén homes- decidiron uniformarse coa camisa branca. Tiñan dúas opcións:

seguir vestindo coma o viñan facendo até o de agora, arriscarse a que se fale máis diso que do seu discurso, e perder moito tempo reivindicando a súa liberdade de vestir como queiran, ou

vestir dunha forma completamente aséptica; non hai moito que analizar nunha camisa branca.

Mágoa que aínda hoxe en día a vestimenta sexa motivo de “análise”, na política.

Advertisements