Ser oposición

Ser oposición é moi romántico. Case toda a miña vida estiven na oposición, tamén no ámbito profesional. É estimulante, reivindicativo… case aditivo. Na transición había o dito de que contra o franquismo viviamos mellor. En parte era certo porque non se podía ser igual de combativx nun réxime democrático, había razóns para seguir séndoo pero non era cousa de “destruír a democracia incipiente”.

Sempre votei a partidos moi minoritarios -en Galiza non tanto. Véxolle moitas vantaxes; controlan ao goberno, teñen menos opcións de corrupción, pódense pór en posicionamentos máis utópicos, poden facer propostas máis arriscadas e, como non teñen que ocuparse de gobernar, do día a día, teñen máis tempo e enerxía para buscar solucións con menos inmediatez.

Eu, que fun profe de Matemáticas, sei que para un mesmo problema pode haber varias solucións e aínda nos casos nos que a solución é única pódese chegar a ela de varias maneiras diferentes. Algunhas veces só importa o resultado -no caso dos problemas matemáticos- pero en outros casos o proceso tamén é importante. No caso da vida, moitas veces o camiño para chegar é case tan importante coma o destino.

Pero a pretensión dun partido político non é ser oposición permanentemente, é gobernar.

Empezar a gobernar, despois dunha oposición dura, e ter que tomar unha medida que nin consideraras nos teus peores pesadelos -unha amnistía fiscal, por exemplo- ten que ser moi deprimente. Pero gobernar é o que ten. Como na vida, para conseguir un salario hai que facer cousas que non son sempre son as que máis nos gustaría.

Os partidos que xa gobernaron tomaron, seguro, moitas malas decisións. Moitas probablemente foron erros propios -intencionados ou non- e algunhas porque só había para escoller o malo e o peor.

Por iso entendo perfectamente que neste momento os partidos emerxentes estean intentando gobernar sen estar no goberno. Non sei ata canto tempo pretenden estar eludindo esa responsabilidade. Ata que teñan maioría absoluta? Se non teñen maioría nas xerais, van utilizar a mesma estratexia que nas autonómicas?

Non sei… Isto vai ser unha campaña electoral permanente. Xa antes o era pero agora, peor.

Advertisements