E agora… esperar a novembro

Non entendo moi ben as estratexias dos partidos políticos, e mira que me gusta a política.

Vou repasar,

o bipartidismo non é bo,

as maiorías absolutas non son boas, e, case coma consecuencia,

hai que ir á cultura de colaboración, acordos, pactos…

Agora mesmo estamos nunha situación bastante parecida á que se pretendía, sen embargo non vexo eu moito interese en empezar xa a gobernar poñendo en práctica eses principios.

C’s xa o dixo claramente, non pensan entrar en ningún goberno do que non teñan maioría e Podemos non o dixo, creo, pero témome que vai ser o que faga, polo menos até despois das xerais.

En Andalucía non se puido formar goberno -nin sequera para deixar gobernar- para non luxar as autonómicas e municipais. Que vai pasar agora?

Por parte de C’s está claro, deixará gobernar nos casos que acepten as súas condicións pero non formará parte de gobernos que non sexan seus. Isto é a cultura de acordos? se acordas será para asumir a responsabilidade de gobernar ti tamén. Non me resulta fácil entender esta clase de acordos que eu resumiría: Se queres gobernar tes que facer isto que eu che diga, pero falo ti só que eu non me podo enmerdar con tarefas de goberno porque quero gañarche as xerais.

Isto é cultura de acordos ou é cultura de estratexia electoral?

No caso de Podemos non oín declaracións tan concretas, non sei se pensarán mollarse algo -gobernando con outras forzas- ou se tamén queren chegar impolutos as xerais. Estou a referirme ás autonómicas, que é nas que se presentaron sós.

No caso das municipais entraron coma forza política en algunha marea, pero as mareas tamén van ter que chegar a acordos para gobernar.

O desgaste de gobernar forma parte da política, é un risco que hai que correr, que non sempre desgasta. Aí están eses alcaldes “de toda a vida”.

A miña pregunta sería; se a nova política é a dos acordos entre varias forzas, porque as maiorías son malas, Por que non se acorda xa? Por que o acordo me pode luxar? Pero, pactar non era bo?

Chegade a acordos dunha vez porque se non a xente vai seguir pensando que o mellor é un goberno cun único partido “forte e estable”. A non ser que todos queirades ser ese partido “forte e estable”, claro. Que me dá a min que si.

Advertisements