Xornada de reflexión

IMG_20150523_151035193

Pode que sexa unha parvada iso da xornada de reflexión. Hai países que non a teñen, outros que si… Pero o que me parece puro infantilismo é ese interese por querer burlar a norma. Se non nos gusta haberá que cambiala.

Hoxe fun á plaza (mercado) e atopeime con que estaban promocionando os mercados. Non sei moi ben como foi deseñada esta campaña, o sábado pasado tamén había esa celebración.

Hoxe regalaban estas bolsas de tea que directamente che colgaban ao ombro coa publicidade cara fóra. O sábado pasado non vin as bolsas, pero tampouco podo dicir se as había ou non –eu ando bastante a miña bóla e non me entero de moitas cousas que pasan ao meu arredor.

A bolsiña trae publicidade da Xunta, que me parecería máis ou menos normal se non fose hoxe xornada de reflexión.

Non sei se chegará a constituír delito electoral. A publicidade é institucional, non de partido, pero as institucións están, neste momento, gobernadas por un partido concreto.

Este feito fíxome recordar o intento de concentración do 15-M, que tamén sería un acto non partidista pero que todo o mundo asociaría a unha opción electoral. Tamén a pachanga de fútbol, creo, do equipo de campaña de Podemos en Madrid, con Pablo Iglesias coma estrela invitada.

Estes feitos xuntos leváronme a pensar que somos trampóns, da igual de que cor. Botamos as mans a cabeza cando alguén fai trampa pero as nosas trampas, son menos trampas?

Interese por provocar? Gústanos a bulla constante?

Pode que os fangos sexan bos para a pel, pero a min, non me gusta vivir neste fango!!!

As pelexas de fango non son rendibles para a esquerda, sempre levaremos as de perder; a dereita é mellor niso e ademais está mellor adestrada.