Analizar e interpretar

Manteño dende hai moito que os colectivos volvéronse similares. Quero dicir que funcionan da mesma maneira; grupos sociais de amizade, comunidades de viciños, xornalistas, políticos… Refírome especialmente á forma de analizar.

Constantemente nun grupo familiar ou de amizade hai malentendidos por calquera parvada e ao aclaralos case sempre aparece a mesma frase “crin que querías dicir…”. Outras veces, falando de terceiras persoas escoitamos “di isto pero en realidade o que pensa é estoutro”.

A min ocórreme con moita frecuencia, o que digo ou fago acaba sendo interpretado nun sentido antagónico ao que eu pretendía. Ás veces maniféstancho “queres dicir que…?” que dan ganas de contestarlle “quero dicir exactamente o que dixen”. Pode que te interpreten sen que digas ou fagas algo, vouno ilustrar con algo que me pasou.

Na convocatoria de reunión da comunidade de veciños aparecía eu coma veciña sen dereito a voto. Na reunión preguntei, á empresa que a xestiona, qué pasaba. Dixéronme que non estaba ao corrente cos recibos, que o banco os devolvera. Preguntei por que non me informaron cando devolveron o primeiro. A resposta foi algo así: Coma na reunión do ano pasado manifestou algunhas queixas á xestión, pensamos que deixara de pagar os recibos a modo de protesta ¿?. Ao remate a responsabilidade era da propia axencia que pasou mal os recibos ao banco -as miñas dúbidas á xestión confírmanse.

Que estas cousas pasen nunha contorna informal non ten moita transcendencia -aparte do cabreo momentáneo.

Pero este tipo de interpretacións nos medios respecto dxs políticxs paréceme excesivo. Hai pouco, nunha tertulia “política”, preguntaban a un candidato pola “descualificación” dun político a outro. O curioso é que esta descualificación non era directa. Vou pór un exemplo irreal: A entrevistada é Cifuentes e pregúntanlle que lle parecen as declaracións de Aznar contra Rajoy porque falou ben de Aguirre.

Isto xa é con tirabuzón; quero que vostede me interprete a interpretación que eu fixen do que dixo alguén. Brillante!!

E digo eu… Que tal se primeiro analizamos -con certo rigor- o dito ou o feito?

Advertisements