Andar con voltas

É o que mellor se nos dá, andar con voltas -marear a perdiz. Facémolo na política, a sanidade, a educación… Perdemos unha morea de tempo e de enerxía en cousas que non só non son relevantes senón que serven de cortina de fume que tapan, por un tempo, outros asuntos de maior calado.

Na educación, coma tódolos anos por estas datas, estamos coas reválidas, probas externas, avaliación das ensinanzas… como lle queiramos chamar. Hai uns anos era a selectividade.

Detratores deste tipo de probas argumentan que se as probas non están ben deseñadas, que só recollen parte dos contidos curriculares, que se fan a idades moi temperás, que poden servir para cualificar os centros educativos… Todo isto é, en parte, certo. Igual de certo que o que pasa se non se fan as reválidas: o profesorado fai probas que non sempre están ben deseñadas, en moitos casos peor que as da reválida; fanse probas a tódalas idades e os centros xa están cualificados sen necesidade de informes oficiais. No que se refire aos contidos curriculares, non se recollen todos pero tampouco se avalían -non se utilizan os resultados duns contidos para avaliar outros.

Defensores das probas argumentan que serven para avaliar o sistema, que os resultados poden ser útiles para mellorar determinados aspectos… Que podería ser certo se non fose porque levamos os apaños de serie. Nas consellerías e nos centros faise trampa; fíltranse as probas, axúdase ao alumnado mentras as fan, corríxese con “benevolencia”…

Logo vén a análise do informe PISA e, coma sempre, depende o que se analice ou quen o analice. A Educación pode estar fatal, regular ou bastante ben e a responsabilidade é doutros diferentes aos que analizan.

Vou facer a análise de Perogrullo. Os centro privados elitistas -que normalmente están nas cidades- e os públicos que están no centro das capitales de provincia teñen “máis nivel”. E non ten case nada a ver cos materiais, as instalacións, o profesorado nin sequera coa metodoloxía; ten que ver co estrato sociocultural do alumnado. Xa está, xa o dixen.

Os colexios e institutos públicos que están no centro das cidades, pola súa antigüidade, non acostuman a ter boas instalacións, van quedando pequenos e polo tanto teñen a razón alumnado/profesorado alta, o profesorado é maior -tárdase en conseguir unha praza nas cidades, especialmente nas capitales de provincia- e, teoricamente, menos dado á incorporación de novas metodoloxías… pero teñen “bo nivel” porque o alumnado está selecionado de forma natural: non viven os pobres no centro das cidades. E as familias deste alumnado si que cren que ter unha titulación académica vale para algo.

Todo isto fíxome recordar unha canción de Fuxan os ventos, Foliada, dos anos 70.

A educación vai pra adiante,
chega pra todos igoal.
Os nenos do campo dinlles:
¡Viva o traballo manual!

E aquí está a nai do año: a igualdade, ese é o verdadeiro problema e niso deberíamos concentrar as forzas.