Aguirre

A Sra. Aguirre pásalle como a Podemos. Canto máis a critican máis votantes ten.

Estamos a oír que o modo de facer política actualmente mudou. Agora mesmo os votos pasan pola popularidade dos candidatos, por iso moitos dedícanse a facer calquera “numerito” para subir a YouTube un vídeo e que se converta en viral; isto fainos coñecidos, e canto máis coñecido, máis probabilidade de que o voten.

Unha paréntese para comentar que onte Ana Belén dicía que botaba de menos na política o discurso redondo e ben ganduxado que poden ter Gabilondo ou García Montero. Concordo con ela. O de que sexan virais non me entusiasma.

A Aguirre non lle fai falta subir vídeos a YouTube, os medios de comunicación xa se ocupan diso coa vantaxe para ela que ao mesmo tempo que se fai máis coñecida -se cabe- coloca a mensaxe.

Se se pretende diminuír os votos do PP intentando desacreditar a Aguirre… lévano claro. Por que? pois, como eu o vexo polo seguinte.

En primeiro lugar porque en Madrid, e en todo o mundo, hai moitos liberais. Non sei de onde saiu que Madrid é de esquerdas, pode que da “movida”, pero en Madrid, e no resto de España o número de persoas que votan a esquerda e o que vota a dereita está bastante equilibrado. Por moito que pretendan convencernos os novos partidos que se acabou o de esquerda-dereita, a realidade parece que non lles da a razón.

Por outra banda penso que as “acusacións” que se lle fan a Aguirre son irrelevantes para a maioría; aparcar en zona prohibida e pirarse; dicir que o profesorado, bombeiros, médicos… son uns privilexiados porque cobran moito para o que traballan; que o funcionariado non sabe xestionar; que persoas pedindo na rúa dan mala imaxe… Quen non escoitou iso mesmo ao seu aredor? Eu escoiteino moitas veces a bastantes persoas que son votantes de partidos de esquerdas.

Tamén está a capacidade que ten xerando polémica -porque xs xornalistas entran ao trapo- con declaracións coma no descarto nada, que xa fixo noutras ocasións e tamén lle dou resultado.

E para rematar, aínda que podería continuar, está o efecto se como tu eres. Xa non sei quen semella a quen; a telerrealidade semella á realidade ou é ao revés? Se como tu eres converteuse nun valor en si mesmo, non importa como sexas. Podes ser unha persoa machista, homófoba, bocachanclas… non importa, a xente vaite querer porque eres coma ti eres, non unha falsa.

Logo se xuntamos as persoas liberais; as non tan liberais, pero de dereitas; as que entran na guerra de pobres contra o funcionariado…; e as que lle gusta a xente “auténtica”… Pois xa temos unha morea de votantes.

Advertisements