Afán recadatorio

Empezo dicindo que eu tamén son conductora e, aínda que nunca me quitaron ningún punto, tamén me puxeron algunha vez multas, normalmente por exceso de velocidade.

De vez en cando aparece a cantinela do “Afán recadatorio”. Estes días estou oíndo a enquisa de turno; que cales son as cidades que máis recadan coas multas de tráfico, as que menos… e os comentarios de cales son as intencións das multas.

A min -como a todo o mundo, supoño- tamén me cabrea e  as veces ata intentei discutir co axente de tráfico que me parou para informarme da infracción. Rapidamente dinme de conta que non había moito que discutir, en realidade nada, pilláronme. Coma cando eu pillaba alguén copiando nun exame; seguramente non era esa a única persoa que copiara pero foi a que vin, esta discusión era moi frecuente.

Queixarse pola “mala sorte”, “por qué a min…” paréceme inútil pero lexítimo.

O que non entendo moi ben e o de queixarse polo afán recadatorio. A ver, cando se comete unha infracción polo incumprimento dunha lei, hai unha sanción. O estado de dereito funciona así, e, cando se trata doutro tipo de infraccións pedimos que se castigue convenientemente á cidadanía transgresora.

Se hai que recadar, e hai que facelo porque os cartos non aparecen por arte de birlibirloque, a min non me parece unha maneira mellor nen peor que un imposto. O IVE afecta a toda a cidadanía e non se elixe pagalo nin hai unha conducta que o evite, sen embargo coas multas de tráfico cadaquen pode elixir se respecta as leis ou non e polo tante se lle van pór unha multa ou non.

Non sei moi ben cal é a solución que propoñen os que se queixan. Que non haxa código de circulación? Que as multas llas poñan a outros? Que o castigo sexa outro? (cárcere ou retirada de carné directamente?).

Canto máis o penso máis me parece que é unha forma de recadación moi boa e moito máis xusta que moitos impostos. Aquí hai posibilidade de elixir se se paga ou non, se cumpro a ley, non pago.