Hai que acabar con…

Para que isto non volva suceder…, hai que acabar con… son sentencias que oímos e dicimos todos os días. Normalmente a solución pasa por sacar unha Lei -outro día falarei das leis.

Nin sequera no caso das chamadas catástrofes naturais tomamos medidas preventivas da lóxica máis elemental coma construír lonxe da costa ou do cauce dos ríos. Pero pedimos que se constrúan edificios intelixentes que resistan o impacto. Loitamos contra a Natureza en vez de xogar a favor. Pero aínda con edificios intelixentes as catástrofes siguen a producirse e temos que aprender a vivir con elas. Podemos aprender que facer ante un terremoto -diso saben moito xs xaponeses- pero non evitalo -tamén diso saben xs xaponeses.

Coas persoas pásanos algo parecido. Existen psicópatas, sociópatas, esquizofrénicos… Estas persoas, en algún momento, poden provocar unha desgraza e isto non se soluciona cunha lei. A única solución definitiva sería o exterminio destas persoas ou a cadea perpetua, e aínda así non se evitaría a primeira vez, pero non creo que sea iso o que queremos. Nestes casos a única opción -que non solución- sería que esas persoas estivesen convenientemente tratadas -en moitos casos hai tratamentos efectivos- pero o estigma social que teñen esas enfermidades non axuda. Ata as persoas que sofren unha depresión o ocultan por medo a consideración social, a perder o seu traballo… Sen o estigma sería máis doado que as persoas que o precisan estivesen a tratamento e o seguisen escrupulosamente, como ocorre con outras enfermidades crónicas.

Non imos acabar cos accidentes de tráfico -en calquera das súas formas-, coas catástrofes naturais nin coas actuacións humanas homicidas. Podemos minimizalos pero eu creo que iso pasa pola implicación da sociedade. Non podemos culpar sempre aos poderes públicos das desgrazas.

Por exemplo, se vou por unha estrada que está en mal estado, o sensato será que adapte a condución ao estado da vía, independentemente de que reclame que se melloren as condicións para que sexa máis segura. Pero non, se teño un accidente entrando nunha curva a unha velocidade moi por encima da indicada, a culpa é do peralte -que tamén pode que estea mal.