Quen mente?

Buenafuente ten unha sección no seu programa que se chama así, é un xogo que vai diso, de saber quen mente e quen di a verdade. Non sempre é doado. Na vida tampouco.

Os primeiros mentireiros -de masas- deberon ser os publicistas. Empezaron sendo esaxeracións para gabar o producto e fóronse convertendo en mentiras non demostrables a curto prazo -o que dura algo, por exemplo…

Tamén na política se empezaron a utilizar as técnicas de mercadotecnia, con moito éxito, por certo. Antes xs políticxs adoitaban ser persoas con certa relevancia social pola súa capacidade intelectual e o desexo de mellorar as condicións de vida da cidadanía, normalmente maiores e non especialmente ben parecidos. En xeral tiñan credibilidade. Agora case todxs son guapxs ou interesantes e cunha estética adecuada. Con iso xa nos vale…

Os xornais foron un bo medio para coñecer a realidade. Tiñan credibilidade. Era frecuente escoitar “é certo, lino no xornal”. Pero tamén a prensa entrou na mercadotecnia. Púxose de moda un eslogan, non sei de quen, que define o bo xornalismo coma a publicación do que moleste ao poder -máis ou menos. Identificaron poder con políticxs e levouse isto a uns extremos nos que “molestar” parece o único obxectivo. Se nunha entrevista o entrevistado non se molesta por algo, non é boa, se unha nova gaba a actuación de algén, non é noticia… E agora estamos en subornar a alguén para conseguir “trapos sucios” ou que o titular sexa “fulano dixo” -independentemente de que o que di sexa certo…

Das redes sociais, nin falo. Até hai “concursos” para acertar o que é verdade e o que é mentira -fake ou non fake, din…

Con este panorama cada vez resulta máis difícil crer a ninguén e unha xa non sabe de que ou de quen fiarse.

Non me gusta esta sensación de alerta permanente, de desconfianza en todo… Sei que pode parecer cousa da idade, e será, pero boto de menos cando unha podía confiar en que o que aparecía publicado nun xornal era certo, en que o que viña mirar o contador da luz era empleado da compañía eléctrica, en que se te chamaban por teléfono sería alguén coñecido…

Advertisements