Publicar listas

Esta obsesión que nos entrou de querer saber todo de todos non a remato de entender. Nun caso concreto, en quente, pode parecer moi lóxico e sensato, pero coñecéndonos… non sei eu.

Entre a publicación de listas e os pasquíns non hai nin liña vermella.

Non é un tema novo, xa se ten falado de listas de pedófilos, de violadores, de defraudadores… agora mesmo xa se albisca a posibilidade de coñecer as persoas que teñen transtornos da personalidade e ata as que teñen enfermidades mentais ou físicas -para as compañías de seguros sería moi útil.

A tentación de publicar listas con fins espurios é forte. Xa se teñen dado moitos casos de atentados contra a intimidade agora mesmo -sendo unha actividade ilegal- con fins políticos, comerciais, morais… E sinceramente, non teño nada claro que contribúa ao bo desenvolvemento da xustiza -a non ser nos casos de prófugos, pero iso xa é legal.

Temos tendencia ao linchamento e a crueldade dunha masa cabreada pode levar a máis dunha traxedia. Non confiamos na xustiza. E non é que eu confie moito, pero asúmoo coma un mal menor. En calquera dos casos que mencionei o que quero é confiar en que serán xulgados e condeados, se son culpables, máis que coñecer a súa cara ou o seu nome.

Por outra banda non acabo de entender por qué a corrupción no público é peor que no privado. Alguén que se enriquece a costa da súa empresa e a leva á ruína, ao peche, un ERE, despidos… non nos afecta a todxs? ou no mellor dos casos repercutirá nos prezos, que afectan aos consumidores. Non tivemos que pagar entre todxs a ruína dos bancos polo enriquecemento e mala xestión dos banqueiros?

Sinceramente, creo que o único que interesa das listas de defraudadores é ver de que partido son para utilizalo na campaña electoral.

A min o que me interesa é o asunto económico, que se restitúa o roubado e se pague a multa -nin sequera que vaian ao cárcere (máis aló da prevención na investigación), que tamén me costaría cartos- Como se chamen ou de que partido sexan dáme igual.