A modernidade

A modernidade hoxe é a tecnoloxía, pero sempre houbo modernidade e sempre a afrontamos de forma estúpida. Refírome a estupidez no sentido de torpeza para comprender as cousas máis que a falta de intelixencia, aínda que teñan relación.

A nai de tódalas estupideces é a relación -falta de relación- coa natureza. En xeral o uso que facemos da modernidade non concorda coa ecoloxía, pero no momento que aparece algo moderno… aló que imos.

Vou mencionar algunhas cousas que foron modernidade no seu momento.

Os cueiros desbotables dos bebés. Apareceron e o seu uso xeneralizouse até o punto de que hoxe considérase artigo de primeira necesidade e a frase “non ter nin para cueiros” soa igual de dramática que se fora para pan ou leite. O que vou dicir valería tamén para envases de plástico, panos da man, papel de cociña…

Aparece un producto novo que é útil pero que ten algún inconveniente -case todo o ten. En vez de valorar pros e contras e optar por utilizalos pero non sempre, a publicidade e a estupidez lévannos a consideralos imprescindibles.

Exemplo dos cueiros: Aparecen os cueiros desbotables que son caros e xeneran moito lixo -malo, non reciclable- e pola outra banda están os de tea que se lavan, reutilízanse e tamén contaminan un pouco co deterxente. Unha decisión non estúpida -segundo o vexo eu- sería utilizar os desbotables en ocasións puntuais -viaxes, estancias curtas fóra da casa…- e seguir a utilizar os de tea o resto do tempo. Aforraríanse cartos e residuos. De feito coñezo xente que empezou a utilizalos desta maneira. Entre a publicidade e a estupidez convencéronnos de que eran máis hixiénicos os desbotables.

Paréceme que coa tecnoloxía estanos a pasar o mesmo e aquí os argumentos son a rapidez, a seguridade, a comodidade… Temos que aforrar tempo na espera que se descargue unha páxina, segundos; en chegar a un lugar, minutos-… É máis cómodo que o coche nos fale, a min que nin se lle ocorra; que o teléfono sexa máis pequeno, ou máis grande; que poidamos pór o lavalouzas dende o traballo, non entendo moi ben porque non o poñemos cando estamos na casa; que fagamos as xestións por teléfono ou por internet, e así nos saen moitas…

Ao remate o que importa é consumir o que nos manden pero coa sensación de que o facemos porque somos moi intelixentes e moi prácticxs.

Que non digo eu que en algúns casos sexa útil pero meterse nese vórtice sen valorar vantaxes e inconvenientes…

Estar á última en tecnoloxía non debera ser un fin en si mesmo. A tecnoloxía tamén xera moito lixo perigoso e os materiais que se utilizan para a fabricación non son ilimitados.