Ateneo de Santiago

10494628_415662498616157_8345417323675103312_n Estes días están aparecendo nas redes sociais moitas persoas que recordan a Galeano, moitas ilustran con fotos a súa relación con el…

É o normal, o pasamento de persoas destas características produce conmoción en moita xente, por esperado que sexa.

A min chamoume a atención esta porque dous dos que aparecen nela xa non están entre nós. E tamén porque está Beiras.

Non son moi obxectiva con Beiras, téñolle unha certa admiración intelectual dende que fun alumna súa. É unha persoa moi polifacética aínda que se coñeza mais coma político.

Esta foto fíxome recordar algo que teño pensado moitas veces e que mesmo algunha comentei -de forma privada- con algún ateneísta. Por qué Beiras nunca estivo no Ateneo? Cóstame aceptar que o Ateneo de Santiago non atopase aínda a ocasión de contar con el para ningunha das actividades que realizou -se non me falla a memoria, que pode ser.

Ao longo da curta vida do Ateneo de Santiago téñense organizado moitas actividades para as que se contou con moitísimas persoas de diferentes ámbitos científicos e ideolóxicos, e de diferentes lugares xeográficos.

Beiras é compostelán, é Licenciado en Dereito, é economista, é un político de longa e coherente traxectoria -creo-, ten as súas costas un brillante historial académico na Universidade -publicacións, catedrático e decano na súa facultade…

Vamos, que non creo que sexa por falta de méritos nin de relevancia social. E ao ser el tan polifacético hai mais dunha sección na que encaixaría.

Gustaríame ver a Beiras no Ateneo.