Ateneo

Son ateneísta. Fíxenme socia do Ateneo de Santiago no momento que se “recuperou” o antigo Ateneo que deixara de existir por desuso.

Non son de filiacións de ningún tipo pero neste caso pareceume interesante pertencer a unha organización de persoas adultas e racionais. Non o fixen por altruísmo -para contribuír a culturización da cidade-, fíxeno por min, para ter un espazo de encontro con outras persoas con características similares ás miñas.

Sabía que, nese momento, iso non era posible porque a situación económica era precaria e non había nin sequera un local para reunirse, pero esperaba que a situación mellorase.

E dalgunha forma mellorou. Xa hai un local, as conferencias que se organizan teñen moito éxito na sociedade compostelá, temos convenios de colaboración con moitas institucións e organizacións -públicas e privadas- da cidade e da provincia, organizamos ou participamos en moitos actos públicos para homenaxear composteláns ilustres…

Para min é un misterio cómo acontece todo isto. A participación de ateneístas nas asembleas pode que ande polo 10% dos socios, a participación nas seccións -onde se organizan moitas das actividades- tamén é -en xeral- escasa, non hai actividades de encontro transversais onde falar de cómo queremos que sexa o Ateneo… Se eu hoxe estou escribindo isto é porque non atopo onde falar destas cousas -dentro do Ateneo.

Total, que o meu obxectivo inicial non se está a cumprir. Que por qué sigo a ser socia? porque penso que está ben que exista este tipo de asociacións, por iso colaboro aínda que case só sexa coa miña cota e porque en algún momento pode que me sexa mais útil.

Tampouco me vou resgar as vestiduras… pasa coma na sociedade en xeral, funciona o sistema paternalista: eliximos uns “pais” que nos gobernen, gobernan -non sempre contando con nós-, non participamos moito -as veces por apatía e outras porque non sabemos moi ben cómo facelo-, se non nos gusta non atopamos a maneira de melloralo nin onde manifestalo…

En fin… A ver se é certo que estamos nun momento de cambio… Eu non confío moito, pero pode ser.

Advertisements