Animalistas

A miña primeira dúbida está en saber o significado desta palabra. A definición da Real Academia Española non ten nada a ver co significado que se lle da normalmente. Hai outras definicións que, tendo que ver co significado que se lle da normalmente, non son o mesmo. Movemento polos dereitos dos animais, persoa que sente empatía cara os animais que sofren ou defensor dos animais son outras que atopei. Utilizarei esta última porque paréceme mais xenérica.

Segundo esta definición eu sería animalista, pero non me gustan os animais. Explícome, os de tamaño grande danme medo e non tería nunca unha mascota na miña casa porque suporía unha dependencia que non quero asumir -nin sequera por un humano- pero nunca os trataría mal nin me gusta que sufran.

O que non teño moi claro é que sexan animalistas moitas das persoas que teñen animais nas súas casas. Vexo dous cans grandes nunha terraza dun metro por tres, as doce da noite, ladrando sen parar -o que me fai supor que están sós- ou escoito outro polas nove da mañan ladrando, tamén sen parar, a porta da súa vivenda porque os donos marcharon traballar. E pregúntome se esas persoas son defensoras dos animais e das persoas as que molestan.

Pero non está ben visto protestar polas molestias que ocasionan os animais nin pedirlle aos seus donos que cumplan as normas de convivencia establecidas. Hai que aceptar que os animais vaian soltos e sen bozal porque o bozal é incómodo e levalo atado é un atentado a súa liberdade.

Vale, até podo aceptar iso, pero que cando vas paseando e un can grande vén correndo cara tí, ti paras en seco -esperando que o dono faga algo para que o can mude o obxecto de xogo- o único que se lle ocorra é dicirche que “non fai nada”…

Tamén teño que dicir que me atopei con algunha persoa que só con ver a alguén daba unha orde ao can, este púñase ao seu carón e continuaba así ata que lle volvía dar outra orde.

Isto paréceme saber convivir, non leva ao can atado nin con bozal pero está en todo momento pendente de que non asuste a ninguén, en vez de pedirlle a xente que non se asuste, que o can non fai nada.