Manuela Carmena

Puxen o seu nome porque está na palestra nestes momentos e hai pouco que vin unha entrevista que lle fixeron, pero o que vou comentar pódese extrapolar a outra xente, por exemplo Ángel Gabilondo, por seguir en Madrid. Por certo, non sei se é polo centralismo, polo lío que hai montado, ou polas dúas cousas á vez, pero parece que non houbese outro Concello nin outra Comunidade autónoma no país.

Tamén o puxen porque é unha muller de esquerdas e, por paradoxal que pareza, hai moi poucas mulleres na primeira liña política da esquerda. Alguén do PP dicía que a eles non lle fan falta cotas e algo de razón pode que teña, parece que o poder é -para isto das lideresas- máis clasista que machista. Non fixen un reconto exhaustivo pero dáme a impresión de que hai moitas mais mulleres en primeira e segunda liña no PP que no resto de partidos xuntos.

As persoas coma Manuela Carmena non son partidarias da confrontación violenta -verbal-, non cren que as persoas de dereitas son unhas desalmadas que queren que a infancia estea desnutrida, non cren que a solución aos desafiuzamentos sexa prohibilos senón buscar unha solución para que no momento que se produza, esas persoas teñan outra vivenda á que ir… Dicía na entrevista que non podemos estar educando xs nenxs e xs mozxs nesta violencia verbal na que estamos metidos…

E claro, con estas premisas caíanlle por todos os lados. Pola dereita as de sempre; que si non é clara condenando o terrorismo, que se vai permitir os botellóns… E pola esquerda que se non vai atacar xs candidatxs do PP que son uns corruptos, que se vai permitir que desaloxen a xente da súa casa…

Total… non sei eu como lles vai ir. Gústanme as ideas e o estilo de Carmena, pero este tipo de persoas non son moi populares, mediáticas nin mozas.

Ogallá váialle ben!!