Cidadanía

Levo moito escrito “criticando” á cidadanía polo seu comportamento -por acción ou por omisión- tolerante ante as situacións pouco éticas que se producen na cotidianidade. Coma sempre non toda nin en tódolos casos.

Vivimos nun sistema capitalista, que por definición non é xusto. Rexeitamos outros sistemas porque condicionan as liberdades individuais, coma se co capitalismo a liberdade individual fose para todxs. Houbo que inventar o estado do benestar para corrixir o capitalismo, pero claro, dependemos dos gobernos e da economía para poñelo en práctica.

Na esencia do capitalismo está o beneficio, todo se mide pola relación coste-beneficio que se aplica ata aos servicios públicos.

Con este panorama, o cidadán teno complicado. Vou pór un exemplo real.

Unha empresa quere explotar uns terreos para a extracción dun mineral. O rendemento económico deses terreos, neste momento, é prácticamente nulo. A actividade que se pretende levar a cabo ten un efecto ambiental negativo pero dá a posibilidade as persoas propietarias do terreo de obter uns beneficios coa venda dos mesmos e tamén a outras que poden traballar para esa empresa.

É obvio o conflicto que se produce. Seguramente non se produciría se eses terreos estivesen proporcionando xs propietarixs -e polo tanto á zona- algún beneficio.

Ten que ser ecolóxico o paisano que viu coma tanta xente se fixo rica “cargándose” as costas?

A educación é fundamental para que a cidadanía sexa democráta, cívica, honesta, xusta, ecolóxica… e unha economía de subsistencia asegurada tamén.

Advertisements