A Sociedade

Con frecuencia manifesto o meu cabreo coa sociedade civil e, coma sempre que se fala en xeral, non é xusto. A sociedade é diversa, seino. Tamén sei que algunhas persoas que me len e me coñecen entenden ao que me refiro. Con todo quero aclaralo un pouco.

Hai sectores da sociedade que me irritan e non necesariamente por cuestións ideolóxicas ou relixiosas -que podo respectar. O que me molesta é o fariseísmo e a pretensión de que outrxs lles resolvan os conflitos. Por exemplo:

Unha parella que se declara atea manda xs fillxs a clase de Relixión católica “porque a maioría van e non queren significar ás criaturas”, tamén lles fan a “Primeira comunión” polo mesmo motivo. Consecuentemente as criaturas queren ir á misa o domingo, iso amólaos e intentan que no colexio, na clase de relixión, non se lles diga que hai que ir a misa os domingos… ???

O que acabo de contar ocorre, non é un exemplo teórico.

Que unha familia relixiosa eduque xs fillxs na relixión pódeme parecer un erro -penso que as relixións  ou o ateísmo son opcións que cadaquén debe elixir libremente, no seu momento- pero non me indigna.

Con outro tipo de cuestións pasa o mesmo. Se todas as persoas que estabamos nos anos 70 nas manifestacións -e outras formas de protesta- reivindicando a igualdade e o uso do Galego fósemos consecuentes e actuaramos coma deciamos, a repercusión na sociedade tería sido maior. Pero utilizamos os mesmos argumentos que a parella do exemplo anterior -ou similares. “Ao remate ocúpome eu porque acabo antes e por non liala tódolos días” no caso da igualdade e “É que xs seus amigxs falan castelán… para o uso de Galego.

Non me anoxa que a miña xeneración fose educada en Castelán porque estaban convencidos que era o mellor para nós, nin que haxa mulleres que decidan ser elas as que se ocupen das “cousas da casa” porque cren que é o mellor para a unidade familiar. Tamén me parecen erros -que creo que é necesario corrixir- pero non me crispa.

Cando falo do desencanto coa sociedade refírome a ese sector da sociedade que non actúa consecuentemente conforme aos principios que manifesta “porque a maioría non o fai” e espera a que alguén -normalmente políticxs- actúe para normalizar eses principios.

Non estaremos nun círculo vicioso?