Fariseísmo

É curioso cómo cambiamos a interpretación dos feitos segundo conveña aos nosos posicionamentos. Algúns exemplos recentes:

Ruz é un xuíz marabilloso cando mete na cadea a Bárcenas, pero parece que non tan bo cando cando autoriza a súa saída.

Bravo por Manos Limpias cando acusa á infanta. Bravo tamén cando acusa a Monedero? (A min dáme bastante arrepío sempre, pero iso é outro tema).

Pasou o mesmo con Garzón e pasa tódolos días con milleiros de cousas. Todxs estamos dispostxs a a xustificar e defender actuacións irregulares de persoas que nos caen ben ou que son afíns e “meter na cadea para toda a súa vida” ás que nos caen mal ou non son afíns, por actuacións similares.

A sociedade civil acusa aos políticos de utilizar o “e ti máis” como desculpa ou xustificación.

Pero os medios de comunicación e xs cidadáns, tamén o facemos constantemente. Actuamos coma colexiais, cando se nos reprende por algo dicimos “pois fulanitx tamén” coma se que outra persoa tamén faga algo mal fixera que o meu se converta en bo. Non queremos asumir a responsabilidade das nosas accións equivocadas. “Ata que a sociedade sexa perfecta e non haxa ninguén que cometa irregularidades, non tes porque reprenderme a min” parece ser o pensamento xeral.

Actualmente estamos -a cidadanía e os medios, de calquera tendencia política- xulgando a todos os partidos políticos coa dobre vara de medir, e curiosamente usando os mesmos argumentos “campaña de difamación”.

Non estaría de máis que aceptaramos algúns principios básicos coma: a perfección absoluta non existe -para min tampouco-, todxs non somos iguais, o que non é branco non ten porque ser negro, podo discrepar contigo sen estar contra ti, podo concordar contigo nunhas cousas e noutras non…, asumísemos cadaquén a responsabilidade das súas actuacións e deixásemos xa a dicotomía vitima – verdugo.