Adolescencia

Despois do internado pasei unha tempada na que o namoramento en si mesmo foi máis importante que a relación cos homes.

Vou primeiro situarme na época.

Transcorre a finais dos 60, principios dos 70. No ambiente estudiantil había un pouquiño de apertura sexual -polo maio francés- pero “daquela maneira”. A apertura consistía en que os homes querían a liberdade sexual das mulleres para ter relacións sexuais, pero pouco máis. O fondo seguía igual.

No resto da sociedade a cousa estaba chunga. Os métodos anticonceptivos eran os naturais, marcha atrás e Ogino. Conseguir preservativos era cousa de heroes porque mesmo os homes -xulgados máis laxamente- que os ían mercar eran considerados coma depravados, e que che receitasen a pílula… case imposible.

Con este panorama ter relacións sexuais con penetración era moi temerario. Había unha vantaxe, que a SIDA non chegara aínda a Europa polo que o embarazo era o maior enimigo. A maioría das mulleres só tiñan estas relacións cos seus mozos. E ser mozos era un vínculo moi forte, tanto ou máis que hoxe estar casadxs. A perda de liberdade das mulleres nesta relación era case total.

Eu pasei esta época entre relacións imposibles -con veraneantes ou que tiñan moza- e noivados de bicos e aloumiños nas mans (manitas)

Coas imposibles sufría, pero eran moi emocionantes -como as atraccións de feira- e tiñan a vantaxe de que, por non ter visos de continuidade, a excusa para non ter relacións sexuais con penetración era ben aceptada.

As de noivos eran algo emocionantes ao principio pero logo convertíanse nun pesadelo: perdía liberdade e a parte da sexualidade era un lío; o magreo só non era ben recebido polo mozo -que o consideraba preámbulo da penetración- e a penetración era moi arriscada e non a quería eu -que era moi sensata por aquelas.

Total, que tiña que estar pendente de que os aloumiños non foran moi lonxe porque podían interpretarse coma preámbulo doutra cousa -se te deixabas ir e logo non querías “chegar ao final” pasabas á categoría de quentabraguetas. Que tensión!!… Así non hai quen desfrute.

Ou sexa que o sentimento de namoramento era a mellor opción.