Manifestacións “na liña”

Antonte coñecín a existencia de convocatorias de marchas na liña, concretamente en Facebook.

A verdade non teño moi claro en que consisten nin cal é a súa finalidade. Tampouco está claro se haberá unha convocatoria concreta para a materialización do evento ou se son só de ficción, unha fazaña para comprobar a capacidade de convocatoria -esto último parece o máis probable. Pero, como ocorre normalmente nisto das redes, nalgunha destas convocatorias hai xa moitísimxs seguidores.

As páxinas que se abriron son desta natureza.

Marcha para que mami sepa que es lo que quiere el negro, Marcha para que Wally no se pierda, Marcha para que Poncio haga pilates, Marcha para coincidir con Chenoa porque cuando tu vas ella ya viene de allí…

Que está a pasar? A min xa hai tempo que me vén parecendo que estamos a nos manifestar por enriba das nosas posibilidades. Con isto ábrenseme novos camiños de confusión.

Non nos interesan as reais?

Estamos xa cansos das manifestacións reais e decidimos apuntarnos a manifestacións ficticias con causas estrafalarias?

Non estamos cansos desas, pero queremos máis?

Fixémonos adictxs e xa non podemos parar?

Palabras e ideas

Hai palabras que non tiveron moita sorte co uso que se fixo do seu significado. Amigx, en Galiza hai uns anos, utilizábase coma sinónimo de amante.

Pero vou referirme ao uso e significado actual dalgunhas que, de entrada, supónselles unha acepción moi positiva que no seu significado non teñen.

Solidariedade. Segundo a Real academia española (RAE): “Adhesión circunstancial a la causa o a la empresa de otros”.

Calquera causa? É solidario -no sentido que lle damos normalmente- un neonazi?

A Real academia galega (RAG) acota un pouco máis o significado: solidariedade. “Axuda ou apoio que, por un sentimento de obriga moral, se lle presta a quen o necesita.

De que moral? Para que necesidade? Foron solidarias as persoas que apoiaron a inquisición?

Tolerancia. “Calidade de quen respecta as opinións e actitudes dos demais aínda que non coincidan coas súas” ou “Capacidade (…) para soportar…” segundo a RAG.

Se respecto ou soporto unha actitude violenta, son tolerante?

E a máis confusa e, seguramente por iso, a peor utilizada.

Igualdade. Traballando na transversalidade do Currículo douselle moitas voltas a este tema. Educación para a Igualdade de sexos, non, non se trataba diso. Temos tendencia á economía de palabras pero ás veces a economía non concorda coa precisión. Non sempre cunha soa palabra se pode definir unha idea.

Unha opción máis longa foi Educación para a igualdade de oportunidades de ambos os dous sexos. Xa é un nome longo dabondo pero eu -que non son economicista, aínda que resulte paradoxal- preferiría Educación para a igualdade de oportunidades entre as persoas de distinto sexo -ou opción sexual.

Por economía fálase só de igualdade e a palabra remata impoñendo a súa definición até chegar a crer que consiste en “facer todxs as mesmas tonterías”, que dicía Cristina Almeida.

E así chegamos a: se ti me controlas pero eu tamén te podo controlar a ti, iso é igualdade.

Os non orgasmos

Xa na Universidade empecei a miña vida sexualmente adulta. Eran os anos 70 e a liberación sexual feminina xa chegara á universidade. Non ao resto da sociedade, pero alí si. Destaco feminina porque nese momento supúñase que os homes xa estaban liberados.

Para as mulleres era “progre” ter relacións sexuais –para os homes o único que cambiou é que agora tiñan máis posibilidades con máis persoas, polo demais, coma sempre. O tema dos anticonceptivos non estaba aínda resolto pero funcionaba unha especie de “mercado negro” de receitas: algúns médicos progres receitaban anticonceptivos para “regularizar o ciclo menstrual”.

Na miña facultade, que era a máis progre, dábase por suposto que todas nos deitabamos con alguén de forma regular ou esporádica. Isto a min quitoume moita presión porque eu era aínda fisicamente virxe, pero só para min.

Quitoume presión socialmente, pero non intimamente. A liberación sexual non mudou moito na maneira de considerar as “relacións sexuais completas”, completas quería dicir con penetración e a min a idea de “cortar” unha situación placenteira por unha penetración dolorosa non me facía moita graza. En máis dunha ocasión pensei que o mellor sería rematar con ese asunto cunha intervención cirúrxica –hoxe faise a contraria; restauración do hime. Non comentei moito este pensamento, e as pouquiñas veces que o fixen o comentario era que si estaba tola.

Mentres aprendín a finxir o non orgasmo, si, finxía que non o tiña.

Non tiñamos moita intimidade. Xs estudantes viñamos doutros pobos ou cidades e viviamos en residencias, colexios maiores, pensións, con familiares… especialmente nos primeiros anos. Nos últimos cursos xa se vivía en pisos compartidos. Non había espazos para as relacións sexuais. Había pubs, cafeterías e discotecas especializadas en parellas. Con pouca luz e facendo a vista gorda.  Ou o salón da pensión se non estaba a patroa. Nestes lugares as relacións eran só de magreo, obviamente. Tamén estaba a opción do coche no fondo do campus, se tiñas coche. Aquí xa adoitaban ser máis completas. Pero para a primeira penetración…

Así que, cun pouco de mala conciencia -pola unilateralidade- e nos espazos mencionados- tiña orgasmos con toda a discreción da que era capaz.

Servicios sociais e ONGs

Ben sei que non é unha novidade sacar este tema, pero porque non é novidade empezo a pensar que é un círculo vicioso.

As ONGs son un parche para suplir as deficiencias dos servicios sociais e ao mesmo tempo a existencia das ONGs fai que os servicios sociais non se desenvolvan. E parece que non se dá roto o círculo.

Unha ONG acostuma a ocuparse dun aspecto moi concreto, normalmente nun colectivo moi concreto tamén e isto provoca “guerra de pobres” -por exemplo; cando unha ONG reivindica vivendas dignas para os inmigrantes, os que non teñen vivenda digna que non son inmigrantes cabréanse.

Pero hai outro aspecto das ONGs que a min me parece máis serio: a moral.

Hai uns días vin unha mini-reportaxe sobre as condicións de vida nunha colonia de xitanos romaneses. Sobreviven grazas ás axudas dunha parroquia e dunha ONG cristiá. As dúas organizacións traballan no poblado dende hai 10 anos.

As axudas van especialmente encamiñadas á infancia; lévanlle unhas bolsas co almorzo, que lles dan cando entran no autobús para ir ao colexio -unha forma de “motivar” para que vaian-; xestionan a comida no colexio e axúdanlle a facer os deberes. Polo de agora todo correcto.

Pero para dar un pouco máis de dramatismo infórmannos de que é habitual que cada familia teña entre 8 e 10 fillxs e falan cun home que chegou hai dez anos con 2 fillxs e agora ten 10.

E digo eu… Ninguén lles comenta que vivir na miseria e ter 10 fillxs non é unha boa idea?

Posiblemente xs xitanxs non son moi dadxs á planificación familiar nin ao control da natalidade, pero non percibín -na reportaxe- que ese fose un obxectivo a conseguir. Tampouco me sorprendeu moito tendo en conta as organizacións que están a intervir nesa poboación. Pero eu creo que até o papa Francisco estaría dacordo comigo.

As axudas teñen que ser integrais, globais, abranguer varios aspectos… e eu penso que quén mellor pode xestionar iso son os servicios sociais, sen moralinas.

As bases e as cúpulas

Sempre tiven as miñas dúbidas sobre a preferencia entre “democracia directa” e “democracia representativa”. Estiven na Universidade polos anos 70 -na facultade máis activa do campus- e vivín o movemento asembleario dese momento -participei nas asembleas e tamén nos comités de curso. Coñezo como funciona o sistema, coas súas vantaxes e os seus inconvenientes, e polo tanto sei como se pode manipular unha asemblea recorrendo aos sentimentos descontrolados dunha masa cabreada; a limitación dxs representantes da asemblea para negociar -porque a negociación leva implícito o movemento dos posicionamentos iniciais…

Actualmente estamos a vivir unha situación similar -poucas cousas son novidade para alguén que xa ten moito vivido. PSOE, IU e Podemos están agora niso, con distintos resultados.

Unha corrente de Podemos recorre a presentar propostas moi pechadas, sen opción a incorporar nada nin a ninguén diferente, e parece que esta decisión foi moi ben acollida polas bases. Pero… Foi unha opción que as bases elixiron libremente ou estaban condicionadas?

As bases de EU de Madrid elixen unha candidata que pouco despois abandona a organización por incompatibilidade cun sector da cúpula. En que situación quedan as bases?

E o do PSOE en xeral, e da federación de Madrid en particular… No 2010 Tomás Gómez enfrontouse á cúpula para ser candidato á comunidade -a cúpula tiña outra, que segundo as enquisas podía ter mellores resultados- esixindo democracia. Houbo primarias e gañounas, pero non gañou as eleccións -o PSOE perdeu 6 escanos e tódolos demais partidos subiron. Equivocáronse as bases, “a xente común”? Agora volve enfrontarse -por un motivo ben diferente. Terá razón a cúpula?

As bases tamén elixiron a Pedro Sánchez -a pesar de ser bastante descoñecido nese momento- e ao día seguinte xa estaba sendo cuestionado polo seu propio partido. Outra vez equivocáronse as bases?

Non sei… cada paso teño menos claro se erran máis as cúpulas ou as bases. E non é que non me fíe das bases, e que non confío na ausencia de manipulación. Non sei se isto ten arranxo ou se hai que aceptalo como “imperfección” da democrecia.

A Sociedade

Con frecuencia manifesto o meu cabreo coa sociedade civil e, coma sempre que se fala en xeral, non é xusto. A sociedade é diversa, seino. Tamén sei que algunhas persoas que me len e me coñecen entenden ao que me refiro. Con todo quero aclaralo un pouco.

Hai sectores da sociedade que me irritan e non necesariamente por cuestións ideolóxicas ou relixiosas -que podo respectar. O que me molesta é o fariseísmo e a pretensión de que outrxs lles resolvan os conflitos. Por exemplo:

Unha parella que se declara atea manda xs fillxs a clase de Relixión católica “porque a maioría van e non queren significar ás criaturas”, tamén lles fan a “Primeira comunión” polo mesmo motivo. Consecuentemente as criaturas queren ir á misa o domingo, iso amólaos e intentan que no colexio, na clase de relixión, non se lles diga que hai que ir a misa os domingos… ???

O que acabo de contar ocorre, non é un exemplo teórico.

Que unha familia relixiosa eduque xs fillxs na relixión pódeme parecer un erro -penso que as relixións  ou o ateísmo son opcións que cadaquén debe elixir libremente, no seu momento- pero non me indigna.

Con outro tipo de cuestións pasa o mesmo. Se todas as persoas que estabamos nos anos 70 nas manifestacións -e outras formas de protesta- reivindicando a igualdade e o uso do Galego fósemos consecuentes e actuaramos coma deciamos, a repercusión na sociedade tería sido maior. Pero utilizamos os mesmos argumentos que a parella do exemplo anterior -ou similares. “Ao remate ocúpome eu porque acabo antes e por non liala tódolos días” no caso da igualdade e “É que xs seus amigxs falan castelán… para o uso de Galego.

Non me anoxa que a miña xeneración fose educada en Castelán porque estaban convencidos que era o mellor para nós, nin que haxa mulleres que decidan ser elas as que se ocupen das “cousas da casa” porque cren que é o mellor para a unidade familiar. Tamén me parecen erros -que creo que é necesario corrixir- pero non me crispa.

Cando falo do desencanto coa sociedade refírome a ese sector da sociedade que non actúa consecuentemente conforme aos principios que manifesta “porque a maioría non o fai” e espera a que alguén -normalmente políticxs- actúe para normalizar eses principios.

Non estaremos nun círculo vicioso?

Se falas Galego, non es de Matemáticas

Onte falaba do meu desencanto coa sociedade e hoxe vou poñer un exemplo.

Instituto de Ensino Secundario, primeiro día do curso con alumnado, aula dun grupo de 1º de ESO do que eu ía ser titora. Haberá oito ou dez anos.

É costume que o primeiro contacto co alumnado o faga a persoa que vai ser a súa titora. Non é unha clase formal. Danse os horarios, recórdanse as normas… No caso dos de 1º ESO este acto prolóngase bastante porque o alumnado está no centro por primeira vez.

Ben, pois neste contexto chego á aula, preséntome coma a súa titora, doulles o horario de clases do grupo, o da titoría, as normas… e falamos das cousas relacionadas coa titoría.

Logo paso a falar da materia que vou impartir. Infórmoo de que tamén vou ser a súa profesora de Matemáticas. E aquí prodúcese un murmurio no que se repetían frases coma: “Pois eu crin que eras a de Galego” ou “De Matemáticas?”.

Isto reflicte bastante ben  cal era a idea que tiña ese alumnado sobre o uso do Galego -obviamente non todo. E polo que parece agora a cousa está aínda peor.

Facer manifestacións, regulamentar e potenciar o uso dende as institucións… pode ser unha axuda pero só é iso, unha axuda. Se non o utilizamos con normalidade…

E conste que estou a contar algo que ocorreu -en máis dunha ocasión- na cidade na que o uso do Galego está máis xeneralizado.