O internado

O tempo que estiven interna foi unha época asexuada. O meu interese polos homes, coma parella, tardou aínda en aparecer e as fotonovelas quedaran xa fóra da miña vida.

Non creo que sexa necesario aclarar que o colexio era feminino, pero por se hai alguén novx lendo isto direille que polos 60 as escolas e os colexios eran masculinos ou femininos. Nos pobos pequenos as escolas podían ser mixtas, se había pouco alumnado, e así cunha Mestra soa solucionaban o tema da Educación para todo o pobo. Nunha desas estiven eu, de moi pequena.

Mesmo a Escola de Maxisterio tiña aulas de mulleres e de homes pero tamén alí había excepcións; se despois de facer os grupos masculinos e os femininos, coa súa ratio correspondente, sobraba xente, entón facíase un grupo mixto.

A economía, tamén por aquelas, era máis importante que a moral.

Nesa idade -16, 17 ou máis anos- era bastante frecuente que as rapazas tivesen mozos, cos que se relacionaban por cartas que traían e levaban as externas.

Fronte ao Colexio había un Colexio Maior, só masculino. Os mozos dalgunha das rapazas estaban alí. Comunicábanse escribindo nas paredes cunha lanterna dende unha terraza -pola noite, claro- e eles contestaban da mesma forma. Mesmo ás veces facían unha cita doble cun amigo del e unha amiga dela. Víanse os domingos sempre que as internas tivesen posibilidade de que alguén da familia as viñese buscar. O de ter máis de 16 anos non contaba. A maioría de idade estaba nos 21.

Eu vivía todo isto coma espectadora, cun certo interese, mesmo as acompañaba á terraza, cun frío que pelaba, para as conversas nocturnas… Pero eu tiña outros intereses, que pasaban por aprobar o curso e a reválida.

Advertisements