Ética e Estética

Vou ver se me aclaro un pouco con todos estos conceptos que manexan os tertulianos de forma tan diferente.

Simplificando:

Ética é a parte da filosofía que trata da Moral e a Moral “ocúpase” das accións das persoas dende o punto de vista da bondade ou a malicia.

Estética e a ciencia que “se ocupa” da Beleza e a Arte.

Pois isto lévame a pensar que, como bondade e malicia son dous conceptos bastante interpretables, nunha sociedade democrática a moral social debe ser a legalidade. Se a legalidade non responde á moral social haberá que pensar en mudar as Leis e iso faise no Parlamento, non nas tertulias nin na prensa.

E aquí é onde entra en xogo a Estética.

Onte, nunha tertulia, falaban do asunto de Monedero e un tertuliano -Antón Losada- dicía que non era bonito pero que era legal. Gustoume a cualificación. Explicaba a súa opinión pola diverxencia entre o posicionamento da organización á que pertence fronte a este tipo de sociedades, e a súa actuación individual.

Eu penso que dentro desta maraña de actuacións corruptas -ou non- deberiamos de diferenciar entre estético -bonito ou feo- e moral -bo ou malo. E coma xa dixen que o moral e o legal deben coincidir, non se debería xulgar moralmente -fóra da legalidade.

Diferenciar o moral do legal beneficia aos poderosos, que teñen máis medios para tratar de impoñer a súa concepción do ben e do mal, de forma que lles favoreza.