Política e relixión

Vou empezar dicindo que son legal e estatisticamente católica porque non apostatei -é un proceso bastante longo e farragoso- pero en consciencia son atea. Isto non me fai menosprezar nen xulgar a calquera crente individualmente, pero si ás institucións ás que pertencen, pola teima que teñen de pretender aplicar a moral relixiosa a toda a sociedade e convertela en moral social e até en norma legal.

Tal e como eu o vexo, na busca da felicidade as persoas recorren a correntes filosóficas, crencias, proxectos utópicos, soños… Tamén pode que traten de relacionarse con outras persoas que compartan os mesmos proxectos de vida, crencias… Probablemente se asocien dunha maneira máis ou menos formal. Así é coma concibo eu ás relixións: asociacións de xente que comparten un modo de vida, unhas normas morais e unhas crencias. E xa está.

Se as autoridades relixiosas aspiran a rexer a vida pública, que se dediquen á Política conforme ás normas democráticas existentes.

E a cidadanía debería tratar ás autoridades eclesiásticas coma o que son: directores da súa parroquia; as súas recomendacións van dirixidas xs membros da súa comunidade, que son libres de seguilas -sempre que non sexan un delito.

Concederlle aos bispos -no noso caso- autoridade política é un erro, atribúelles un poder que non deberían ter.