Grecia

Abriu a veda para que se poida falar de Grecia coma se viviramos alí de toda a vida.

Eu sei moi pouquiño de Grecia, coma case todo o mundo, pero voume aplicar un dito “se falan sendo ignorantes no tema, eu, que son tan ignorante coma eles, ou máis” e tamén podo falar.

Ben… vou falar menos da composición do Goberno porque iso “non ten perdón de deus”. Xa non digo paritario, pero isto…

Pero deixando este tema aparte -que non é menor- quero ver se atopo unha explicación para o da alianza co partido Gregos independentes.

Posiblemente Tsipras precise máis apoios en Grecia que en Europa. Non é que en Europa llo vaian poñer fácil pero parece que a Troika, ou polo menos o Banco Central, xa está na dictablanda; está Hollande, que xa pasou por iso; están os outros países rescatados; estamos os que non puidemos ser rescatados porque somos demasiado grandes… Tamén conta con que son poucos -os gregos- e polo tanto o problema tamén é menor que se foramos nós ou Italia…

O que penso é que por esa banda as cousas vanse arranxar dalgunha maneira. Non coas condicións iniciais de Syriza -que xa se foron rebaixando- pero a algún acordo chegarán.

Seguramente o problema máis gordo o teña na casa.

Non sei como está de forte o movemento feminista en Grecia, pero moi contentas non creo que estén -pero xa dixen que diso non ía falar.

Tamén están a dereita en xeral e o exército en particular. Pode que para iso conte con Gregos Independentes, para que controle eses sectores. Parece ser que o Ministerio de Defensa foi o único que até o de agora non só non tivo recortes no presuposto senón que o aumentou, e curiosamente ese ministerio é para Gregos Independentes. Se agora hai que recortar nese ministerio pode que aos militares lles moleste menos que o faga un nacionalista de dereitas.

Vou ser ben pensada e e crer que esta alianza é para “acalmar e controlar” aos sectores radicalizados da dereita.

Advertisements

O internado

O tempo que estiven interna foi unha época asexuada. O meu interese polos homes, coma parella, tardou aínda en aparecer e as fotonovelas quedaran xa fóra da miña vida.

Non creo que sexa necesario aclarar que o colexio era feminino, pero por se hai alguén novx lendo isto direille que polos 60 as escolas e os colexios eran masculinos ou femininos. Nos pobos pequenos as escolas podían ser mixtas, se había pouco alumnado, e así cunha Mestra soa solucionaban o tema da Educación para todo o pobo. Nunha desas estiven eu, de moi pequena.

Mesmo a Escola de Maxisterio tiña aulas de mulleres e de homes pero tamén alí había excepcións; se despois de facer os grupos masculinos e os femininos, coa súa ratio correspondente, sobraba xente, entón facíase un grupo mixto.

A economía, tamén por aquelas, era máis importante que a moral.

Nesa idade -16, 17 ou máis anos- era bastante frecuente que as rapazas tivesen mozos, cos que se relacionaban por cartas que traían e levaban as externas.

Fronte ao Colexio había un Colexio Maior, só masculino. Os mozos dalgunha das rapazas estaban alí. Comunicábanse escribindo nas paredes cunha lanterna dende unha terraza -pola noite, claro- e eles contestaban da mesma forma. Mesmo ás veces facían unha cita doble cun amigo del e unha amiga dela. Víanse os domingos sempre que as internas tivesen posibilidade de que alguén da familia as viñese buscar. O de ter máis de 16 anos non contaba. A maioría de idade estaba nos 21.

Eu vivía todo isto coma espectadora, cun certo interese, mesmo as acompañaba á terraza, cun frío que pelaba, para as conversas nocturnas… Pero eu tiña outros intereses, que pasaban por aprobar o curso e a reválida.

Infantilismo

IMG_3958

 

Esta tira de Mafalda faime recordar o grao de infantilismo que temos. Somos coma Guille, pero non temos a idade de Guille.

O paternalismo. É unha teima que teño.

Os líderes políticos da dereita -eu son antiga e aínda manexo estes termos- son paternalistas. Non sorprende, forma parte da súa concepción da sociedade. Pero os da esquerda tamén. Seguramente por motivos diferentes, pero o resultado é o mesmo.

Unha paréntese: estou usando o masculino non coma xenérico senón coma masculino, masculino. Aprendín isto dunha compañeira de hai anos e amiga, Meli, que utilizaba o masculino cando a maioría eran homes e o asunto a tratar non era positivo.

Na transición, os líderes de esquerda, co argumento de que eramos unha sociedade con pouca cultura democrática e con pouca formación en xeral, empezaron a actuar de forma paternalista. Creron que tiñan que defendernos das estructuras antigas pero en lugar de facelo coa formación fixérono liberándonos da responsabilidade.

Deste xeito chegamos a unha situación na que se quero algo que parece xusto, alguén debe proporcionarmo e se me meto nun lío alguén debe sacarme del porque eu, pobre desamparadx, non sabía no que me metía.

Pásanos o mesmo que xs nenxs: se se aburren rapidamente vén un adulto a entretelos antes de darlle a posibilidade de que a elxs se lles ocorra unha forma de divertirse.

Constantemente vexo nas redes -e xa sei que non son totalmente representativas- culpabilizar ao goberno de calquera cousa que pasa e que non nos gusta. Unha das últimas está relacionada co que pagan os programas de TV xs delincuentes ou xs participantes en concursos fronte ao que cobra calquera persoa do común -tamén se podería incluír ós futbolistas, pero co fútbol hai bula.

Coma se a sociedade non tivera nada a ver nisto.

Ética e Estética

Vou ver se me aclaro un pouco con todos estos conceptos que manexan os tertulianos de forma tan diferente.

Simplificando:

Ética é a parte da filosofía que trata da Moral e a Moral “ocúpase” das accións das persoas dende o punto de vista da bondade ou a malicia.

Estética e a ciencia que “se ocupa” da Beleza e a Arte.

Pois isto lévame a pensar que, como bondade e malicia son dous conceptos bastante interpretables, nunha sociedade democrática a moral social debe ser a legalidade. Se a legalidade non responde á moral social haberá que pensar en mudar as Leis e iso faise no Parlamento, non nas tertulias nin na prensa.

E aquí é onde entra en xogo a Estética.

Onte, nunha tertulia, falaban do asunto de Monedero e un tertuliano -Antón Losada- dicía que non era bonito pero que era legal. Gustoume a cualificación. Explicaba a súa opinión pola diverxencia entre o posicionamento da organización á que pertence fronte a este tipo de sociedades, e a súa actuación individual.

Eu penso que dentro desta maraña de actuacións corruptas -ou non- deberiamos de diferenciar entre estético -bonito ou feo- e moral -bo ou malo. E coma xa dixen que o moral e o legal deben coincidir, non se debería xulgar moralmente -fóra da legalidade.

Diferenciar o moral do legal beneficia aos poderosos, que teñen máis medios para tratar de impoñer a súa concepción do ben e do mal, de forma que lles favoreza.

O Inglés

Empezou cos deportes: goal, penalty, corner, offside (orsai)…; basket average, tee box, green, swing… Eran só palabras soltas que se introducían nas frases e que non dificultaban demasiado a comprensión do discurso porque o contexto era coñecido.

Na informática xa non digamos: software, harware, pen, buffer, zip, pixel… Neste caso a cousa xa se complica porque se xunta o descoñecemento da palabra co descoñecemento do tema.

Logo pasamos aos congresos e premios: Mobile world congress, Golden globe awards… e á moda: oversize…

A explicación que dan xs que utilizan estas terminoloxías acostuma a ser que o Inglés é “máis económico”. Coma se cobraran por palabra utilizada.

E agora chegou a tontería ao humor e á política. Se alguén fala Inglés mal, é motivo de descualificación nos programas “serios” e de contos (chascarrilos) nos de humor. Sen embargo alabamos e agradecemos que unha persoa doutra lingua materna teña o detalle de falar un malísimo Castelán.

Acabo de comprobar que tamén se utilizan xogos de palabras en Ingles nos mitins.

As persoas que fan isto, queren diferenciarse das intelectualmente menos preparadas? falan para unha “clase” determinada?

Logo queixarémonos de que a cultura anglófona é imperialista.

Syriza

Syriza naceu coma unha coalición electoral e estaba formada por moitos partidos, todos de esquerda: comunistas, maoistas, socialistas, trotskistas, euroescépticos, ecoloxistas…

Aínda que formalmente se presentaron xuntos, como SYRIZA, no 2004, xa viñan tendo actuacións conxuntas dende antes.

Se eu tivese que buscar o equivalente español de Syriza, ocórrenseme varios: IU, BNG ou AGE.

Izquierda Unida (IU) naceu polos 80, a finais, aglutinando partidos comunistas, socialistas, republicanos, humanistas…-todos de esquerdas- con motivo das movilizacións pola saída de España da OTAN.

No caso do Bloque Nacionalista Galego (BNG) os seus inicios remóntanse aos anos 60. Foron cambiando os nomes da coalición e incrementándose os grupos que a compoñen até chegar ao actual BNG. A ideoloxía común é o nacionalismo de esquerda e os grupos que o compoñen son comunistas, socialistas…

A coalición máis recente das que mencionei, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Nace no 2012 para as Eleccións ao Parlamento de Galiza. Está formada por partidos ou coalicións de esquerda (EU), nacionalistas (ANOVA), ecoloxistas (EQUO)…

Por isto non entendo moi ben as comparacións que se están a facer nos medios de comunicación de partidos españois con Syriza.

Podemos non é unha coalición -no seu seo había unha coalición política (Izquierda Anticapitalista) pero aos seus afiliadxs non se lle permitíu presentarse para ocupar cargos da cúpula, e a organización (IA) rematou tendo que deixar de ser un partido para poder participar en Podemos-, non se definen de esquerdas… polo tanto non entendo moi ben a similitude. O único que eu lle vexo eu en común é que son forzas emerxentes nos seus respectivos países, pero tamén en Francia hai forzas emerxentes, que non quero nin nomear, e non creo que veña ao caso buscar a relación.

E xa, á marxe do dito, o que me alucina é que se defina a Syriza coma o Podemos grego. Aínda que só sexa por cronoloxía tería que ser ao revés.

Política e relixión

Vou empezar dicindo que son legal e estatisticamente católica porque non apostatei -é un proceso bastante longo e farragoso- pero en consciencia son atea. Isto non me fai menosprezar nen xulgar a calquera crente individualmente, pero si ás institucións ás que pertencen, pola teima que teñen de pretender aplicar a moral relixiosa a toda a sociedade e convertela en moral social e até en norma legal.

Tal e como eu o vexo, na busca da felicidade as persoas recorren a correntes filosóficas, crencias, proxectos utópicos, soños… Tamén pode que traten de relacionarse con outras persoas que compartan os mesmos proxectos de vida, crencias… Probablemente se asocien dunha maneira máis ou menos formal. Así é coma concibo eu ás relixións: asociacións de xente que comparten un modo de vida, unhas normas morais e unhas crencias. E xa está.

Se as autoridades relixiosas aspiran a rexer a vida pública, que se dediquen á Política conforme ás normas democráticas existentes.

E a cidadanía debería tratar ás autoridades eclesiásticas coma o que son: directores da súa parroquia; as súas recomendacións van dirixidas xs membros da súa comunidade, que son libres de seguilas -sempre que non sexan un delito.

Concederlle aos bispos -no noso caso- autoridade política é un erro, atribúelles un poder que non deberían ter.