Que preguiza!

Que pereza!, así remata hoxe Iñaki Gabilondo o seu artigo en La voz de Iñaki para expresar o sentimento que lle provocan as campañas electorais dos partidos, neste caso do PP.

Como o comprendo… que fartura vivir tantas veces os mesmos engados… Pode que sexa polo moito tempo que levo aquí e porque os feitos se repiten ciclicamente, pero xa hai pocas cousas que me resulten novidosas -nin sequera os movementos asemblearios, que xa vivín de nova.

Aínda que recoñezo que hai algunhas que me sorprenden, non por novidosas senón por incoherentes.

Leva varios días comentándose a entrevista a Pablo Iglesias (1978- ) en TVE2. Até se baralla se deberían cesar ao conductor do programa por saltarse o código deontolóxico “… insinuaciones insidiosas, injuriosas o vejatorias…”.

Sei que o feito de ser nun medio público dálle un plus de gravidade pero os dereitos das persoas obxecto de análise ou de valoración -polo seu interese público- deberían ser os mesmos en tódolos medios.

A min non me importaría que cesaran -tamén me valería outra medida menos contundente- a tódolxs xornalistas que fan insinuacións insidiosas, inxuriosas ou vexatorias -en calquera medio-  de calquera persoa. Non ían quedar moitxs, tamén cho digo. Pero parece que a maldade non está no feito de inxuriar senón na persoa á que se aldraxa.

Simplificando: nos medios de dereitas inxurian e aldraxan á xente de esquerdas, e protestan os medios de esquerdas; nos medios de esquerda inxurian e aldraxan á xente de dereitas, e protestan os medios de dereitas.

E digo eu… Que tal se ninguén inxuria, aldraxa…?

Tamén digo. Que preguiza!!!