Grazas, Corín Tellado

As fotonovelas de Corín Tellado foron as promotoras do descubremento da miña sexualidade, aínda que eu nese momento non o sabía.

O guión era bastante repetitivo. Moza coñece mozo, namóranse, a relación ponse en perigo por causas alleas ao amor dxs protagonistas -económicas, culturais…-, supéranas e remata en voda. Pero Corín tellado acertou en dúas cousas; xs personaxes eran bastante normais, quero dicir que non eran nobres ou de clase alta, e os contidos erótico e sexual, aínda que non moi explícitos pola censura, eran dun tono moi elevado.

Eran os anos 66-68. Eu, aínda que pola idade sería hoxe unha adolescente, por aquelas poderíase dicir que era unha pre-adolescente. Lía as fotonovelas no meu cuarto, na cama -xa comentei que non se podían ler á vista dxs adultos.

Ao principio líaas coma se fose un comic ou unha revista de actualidade, pero fun notando que o meu corpo reaccionaba aos momentos “románticos” e entón pasei a lelas doutra maneira: buscaba a resposta corporal.

Non a buscaba de forma explícita, colocábame ou movíame de forma que me estimulaba “coma quén non quere a cousa”. Non coñecía o concepto, nin sequera a palabra, masturbación polo que non me parei -nese momento- a cualificar nin valorar o que facía. Pero máis tarde souben que o que facía era masturbarme e ao que sentía deille en chamar “orgasmitos de la señorita Pepis” copiando o nome dunha das revistas de humor satírico do momento -Papus ou Jueves, non recordo.

Grazas ao meu descoñecemento de todo o relacionado coa sexualidade non tiven conciencia de que estaba pecando nin tiven ningún sentimento de culpabilidade.

Esta fase rematou cando fun continuar os meus estudos a un colexio, interna. Pero foime moi útil máis adiante. Xa o contarei outro día.