As fotonovelas

Nos comenzos da miña adolescencia, seguía vixente o nacional-catolicismo, tamén as lecturas estaban definidas; Marcial Lafuente Estefanía para eles e Corín Tellado para nós. Os dous escribían unhas noveliñas moi populares e con moita frecuencia -unha cada semana, creo.

A Educación sexual era inexistente máis alá de bicarse que, aínda sendo mozos, non estaba de todo ben. As relacións sexuais non sabiamos nin que poideran existir -eu polo menos, non.

Lonxe de queixarme por non ter recibida información sobre o sexo estou moi agradecida, porque iso permitiume ir coñecendo a miña sexualidade coma algo natural e que non tiña que ver co sexo -iso me parecía-, sen as normas morais que tería de tela recibido.

Apareceron nesa época as fotonovelas, que eran coma os comics pero con fotos en vez de debuxos. Había unha de Corín Tellado.

Ler estas fotonovelas non era doado para as adolescentes por varias razóns; a primeira porque non estaba ben que as nenas de clase media -especialmente se eras estudante- liramos esas “vulgaridades”, deberiamos ler a Literatura seria que nos mandaban no colexio, e despois porque non tiñamos cartos para mercalas -por aquelas non había “pagas” e non che ían dar cartos para iso.

Pero apareceu a modalidade de aluguer. Si, a quiosqueira mercaba unha das revistas e alugábaa por días -coma pasou máis tarde coas películas nos Vídeo-clubs. Tiña moito éxito, ata había que apuntarse para establecer a orde.

Con esta modalidade, entre dúas, podiamos conseguir os cartos para o aluguer. E empecei a ler fotonovelas. A escondidas, eso si.