Xogo limpo

O recoñecemento que lle fixo Gabilondo, no seu blog, ao Goberno polo portal de transparencia fíxome volver pensar no extremistas que somos en xeral, e moito máis neste momento. O que máis me gusta de Iñaki Gabilondo é a ecuanimidade.

A tendencia que temos a movernos nos extremos do péndulo sumada á crispación actual -coa súa dose de moralina- estanos levando a situacións algo rocambolescas. Vou por algúns exemplos hipotéticos.

Un pobo ou nunha cidade pequena. Xs compoñentes da corporación municipal teñen familia e amigxs, coma todo o mundo. En algún momento pode ocorrer que unha persoa próxima á corporación precise unha licencia de obra para cambiar as ventás, a autorización para abrir un negocio… Está claro que non habería prevaricación nesa concesión pero non sei se sería considerado moralmente correcto se houbese “intereses en cargarse” a alguén en particular.

Pero vou ir un pouquiño máis aló. Hai un concurso público e un familiar dun concelleiro ten unha empresa que pode competir pola adxudicación. Non se pode presentar?

No caso das portas xiratorias. Un médico traballa nun centro sanitario e ten unha certa responsabilidade na xestión dese centro, digamos que é un “cargo intermedio”. Esa persoa tamén é un político. Nun momento determinado pasa a traballar na Administración. Despois dun tempo deixa a Administración e pasa a dirixir un centro. Iso é unha porta xiratoria? Ademais de mirar a onde van ao saír habería que saber tamén de onde viñan, porque supor que non tiñan profesión é inxusto.

Non todas as actuacións políticas -aínda que haxa coñecidos polo medio- son corrupción e non todas as saídas do traballo público ao privado son portas xiratorias.

Reivindico xogo limpo na política.