Rematou Cineuropa

Case o agradezo porque os meus xeonllos non sei se ían resistir moito máis tempo esta sobredose de postura estática continuada.

Pero merece a pena, pódese ver unha mostra -xa escollida- do cine que se fixo en Europa durante todo o ano e tendo en conta que nesta cidade desapareceron os cines que proxectaban películas europeas…

Vou facer un pequeno balance do que foi para min -que non coincide coa cualificación do público.

As películas que máis me gustaron, por esta orde foron Phoenix, de Christian Petzold; Samba, de Olivier Nakache e Eric Toledano e Winter sleep, de Nuri Bilge Ceilán.

A que me cabreou, siempre hai algunha que me cabrea, Plemya (the tribe), de Mirpslav Slaboshpitshy. Cabreoume porque ás veces os artistas xa non saben que facer para ser orixinais e neste caso, coma a acción transcorre nun centro especial para xordxs, a película non ten sons de voces, nin sequera cando falan os oíntes, pero si música e os ruídos ambientais. Xs protagonistas falan en linguaxe de signos pero non está traducida e subtitulada… Supoño que o director quería dicirnos algo moi profundo pero en min conseguiu que me dera a impresión de que despreza esa linguaxe.

E a que creo que me gustaría se a entendera, A pigeon sat on a branch reflecting on existence, de Roy Andersson. Non a entendín polo descoñecemento cultural das situacións traxicómicas, irónicas e de humor absurdo que se presentaban.

A que gañou foi What we did on our holiday (O noso último verán en Escocia) de Andy Hamilton e Guy Jenkin, que tamén me gustou pero en diferente medida á valoración do público.

Quero destacar unha película galega, que quedou de sétima, Las altas presiones, con dirección e guión de Ángel Santos, rodada en Pontevedra e Vigo.